Pedrafita do Cebreiro recibirá 249.000 euros da Deputación para mellorar mobilidade

LugoXa
O plan inclúe actuacións en vías municipais, instalación de novo rotulado nas rotondas de acceso e a adquisición dunha máquina telescópica
Convenio-Pedrafita
3 Nov 2025

A Deputación de Lugo acordou destinar 249.000 euros ao Concello de Pedrafita do Cebreiro co obxectivo de impulsar a mobilidade, fortalecer a identidade municipal e aumentar a capacidade operativa da administración local. O investimento contempla un total de sete intervencións, das cales catro están centradas na mellora da circulación e da accesibilidade urbana.

Entre as actuacións previstas, figuran a rehabilitación do pavimento das rúas Observatorio, Valecín e Vía Romana, así como do acceso ao Mercado Gandeiro. Ademais, levaranse a cabo traballos para mellorar a accesibilidade e acondicionar os aparcadoiros situados na Travesía da Constitución e na Praza de España. Estas vías, que conectan con dous eixes estratéxicos como a N-VI e a LU-633, resultan fundamentais para a actividade económica e social do municipio.

Os traballos previstos consistirán no fresado do firme, a posterior repavimentación con aglomerado en quente e a renovación da sinalización mediante marcas reflexivas, co fin de garantir maior seguridade e comodidade para veciños e visitantes.

O convenio tamén recolle a instalación de letras metálicas co nome do municipio nas dúas rotondas de entrada ao núcleo urbano, unha iniciativa orientada a potenciar a promoción turística, reforzar a marca local e mellorar dous puntos clave que funcionan como porta de acceso ao concello.

Así mesmo, o acordo permitirá dotar ao Concello dunha máquina telescópica, un vehículo polivalente que facilitará tarefas de mantemento, pequenas obras e labores municipais, favorecendo unha maior autonomía operativa, reducindo custos e permitindo actuar con máis axilidade e seguridade no coidado dos espazos públicos.

⚙ Configurar cookies
0.085139036178589