Pedrafita do Cebreiro recupera o seu certame de gando vacún cunha forte participación e prezos á alza

O XXXIV Certame-Exposición de Gando Vacún de Pedrafita do Cebreiro celebrouse este domingo coa participación de gandeiros da zona da Montaña, así como de comarcas próximas, León e Asturias.
Tras a suspensión do pasado ano pola aparición de casos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, o encontro regresou con forza converténdose nunha cita clave para a promoción do sector gandeiro, a mellora xenética e a dinamización económica e social do territorio.
Entre os exemplares máis destacados figuraron reses de Rubia Galega, Vaca Roxa asturiana e Frisona, acadando unha media de 3.280 euros nas poxas. A Deputación de Lugo presentou cinco xovencas de Raza Rubia Galega, cun prezo de saída de 2.500 euros, contribuíndo a poñer en valor esta raza autóctona, da que a institución é referente a través do rabaño criado na Granxa Gayoso Castro en colaboración coa ACRUGA.
O certame contou ademais cunha ampla mostra de produtos locais e agroalimentarios, con queixos, embutidos, mel, pensos e maquinaria agrícola lixeira, reforzando o papel desta cita como escaparate do territorio e motor de promoción para os produtores.
A Deputación de Lugo, que achega 15.000 euros a través do Plan Deputación para apoiar esta cita e a Feira do Queixo, estivo representada pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que participou xunto ao alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, nun evento que volveu consolidarse como un referente na Montaña lucense.