Pedro Blanco comproba no centro de Lugo o impacto das políticas públicas do Goberno de España

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, realizou unha visita a diversos establecementos do centro de Lugo co obxectivo de comprobar sobre o terreo como as políticas públicas impulsadas polo Goberno de España teñen unha repercusión directa na vida diaria da cidadanía, das empresas e das familias lucenses.
Durante o percorrido estivo acompañado polo alcalde da cidade, Miguel Fernández, e pola subdelegada do Goberno na provincia, Olimpia López. Xuntos visitaron distintos puntos do centro urbano nunha ruta que permitiu visualizar como diversos programas públicos chegan á realidade económica e social da provincia.
No transcurso da visita, Blanco destacou que “en cada barrio, en cada rúa e en cada fogar hai políticas do Goberno de España que están a mellorar a vida dos lucenses”, e puxo como exemplo diferentes iniciativas relacionadas coa dixitalización das empresas, coa igualdade de oportunidades no ámbito da saúde visual ou co apoio ás familias no eido educativo.
“O Goberno baixa do BOE ás rúas de Lugo, aos negocios e ás familias, transformando decisións e leis en melloras reais para a vida das persoas”, afirmou o delegado. Neste contexto, insistiu en que o compromiso do Goberno con Lugo pasa por seguir impulsando medidas que permitan que a cidade e a súa provincia dispoñan de máis oportunidades, máis progreso e maiores perspectivas de futuro.
Para concluír, sinalou que esta pequena ruta polo centro da cidade tamén simboliza “un percorrido polas políticas públicas que están a mellorar a vida dos lucenses e que demostran que estamos ao lado da xente no seu día a día”.