Pedro Blanco salienta en Lugo a modernización da Formación Profesional
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou en Lugo o esforzo que está a realizar o Goberno para modernizar a Formación Profesional e facer dela a base dos empregos cualificados do futuro. Fíxoo desde o Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes, que visitou acompañado da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, o deputado provincial Pablo Rivera e o delegado territorial Javier Arias, que foron recibidos polo director do centro, Joaquín Expósito.
“O CIFP As Mercedes é o mellor exemplo de como o Goberno, a través do Plan de Recuperación, está a transformar a Formación Profesional neste país”, apuntou o delegado, lembrando que o Plan de Recuperación financia a aula de emprendemento e a aula de tecnoloxía aplicada coas que contará este centro neste curso académico. O CIFP As Mercedes percibiu nestes últimos anos 1,2 millóns de euros de fondos do Plan de Recuperación a través dos programas de Centros de Excelencia de FP, Programas de Innovación da Formación Profesional, Aula de Emprendemento e Aula de Tecnoloxía Aplicada (ATECA).
O delegado do Goberno aproveitou a ocasión nunha semana tan senlleira coma esta, na que comeza o curso, para desexar a toda a comunidade educativa un bo ano. Fixo fincapé, neste sentido, en que o último curso o Goberno destinou ao alumnado galego un total de 123 millóns de euros en forma de bolsas ao estudo, que beneficiaron a preto de 54.000 estudantes e tamén ás súas familias. “Apostando polas bolsas e as axudas directas fortalecemos a igualdade de oportunidades e a calidade do sistema educativo”, sinalou Pedro Blanco.
Centros de Excelencia da Formación Profesional
O CIFP As Mercedes accedeu á categoría de Excelencia de Formación Profesional no ano 2022, situándose entre os mellores centros en puntuación de todo o territorio español. En concreto, obtivo a máxima puntuación en aeronáutica, e quedou segundo na puntuación global de todos os centros.
O programa forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno e, en concreto, do Plan Estratéxico de Impulso da Formación Profesional, que ten un orzamento total de 2.000 millóns de euros. Galicia conta actualmente con cinco centros de Excelencia en FP, aos que o Ministerio destinou 4.395.000 euros para que se integraran nesta rede: o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, o CIFP As Mercedes de Lugo, o CIFP Ánxel Casal da Coruña, o CIFP de Someso (A Coruña) e o CIFP Politécnico de Santiago.