Pemade bota a andar na EPS do Campus Terra un posgrao de cálculo de madeira estrutural

LugoXa
Pemade bota a andar na EPS de Enxeñaría do Campus Terra un posgrao de cálculo de madeira estrutural con 21 persoas inscritas
XERA CURSO MADEIRA PEMADE EPS LUGO
16 Xuño 2023

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, inaugurou este xoves, no centro universitario do Campus Terra da USC, un programa de formación téorico e práctico estruturado en 10 créditos ECTS e con 21 persoas inscritas.

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC botou a andar este xoves, no salón de actos do centro, a primeira edición dun curso de posgrao sobre cálculo de madeira estrutural, un programa a través do que se busca ampliar os coñecementos e a capacitación das 21 persoas inscritas, todas elas con formación universitaria e coñecementos previos neste ámbito.

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, inaugurarou este módulo formativo, co que Pemade trata de atender unha demanda do sector profesional, no marco dunha sesión de apertura na que tamén intervirán o catedrático da USC e coordinador de Pemade, Manuel Guaita, e a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero.

O curso Cálculo de estruturas de madeira, un programa de formación específica e de carácter presencial, achegará ao alumnado formación práctica no laboratorio de Pemade sobre ensaios estruturas, o que lles permitirá ampliar os seus coñecementos respecto do comportamento que presentan as estruturas de madeira. A formación en cálculo, a través da resolución práctica de proxectos orientados a favorecer a aprendizaxe de conceptos teóricos e a realización de visitas a empresas e entidades relacionadas co sector industrial da madeira, así como a obras en execución, completan o programa da primeira edición deste curso.

O cadro docente deste posgrao propio da USC está formado polo director de Pemade, Manuel Guaita, ademais de polo arquitecto e técnico superior de investigación de Pemade, José Antonio Lorenzana, e polos enxeñeiros de Montes María Portela Barral, Rubén Regueira e Azahara Soilán Cañas.

O programa deste posgrado da USC promovido e impartido por Pemade está estruturado en 10 créditos ECTS (100 horas). As distintas sesións formativas desenvolveranse nas instalacións de que dispón Pemade no Campus Terra da USC os xoves, venres ata o 15 de xullo, en quenda de 15.30 a 20.30 horas, e os sábados, de 9.00 a 14.00 horas. Os organizadores deste curso tamén teñen previsto realizar visitas a obras e entidades os días 6 e 13 de xullo, en quenda de mañá.

INAUGURACIÓN

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, explicou que esta acción formativa foi beneficiaria, precisamente, das axudas cuxa resolución publicou o DOG e que van destinadas a impulsar o coñecemento da industria forestal-madeira de Galicia. Así, un total de 10 entidades -entre elas a USC- recibiron, en conxunto, preto de medio millón de euros por organizar este tipo de iniciativas formativas non regradas e de divulgación que fomenten o coñecemento e a competitividade deste eido produtivo.

Na súa intervención, Aboal reafirmou a aposta da Xunta polo impulso da madeira como elemento estrutural na construción e como proba diso salientou a liña de axudas habilitada para fomentar este uso, dotada con 2,6 millóns de euros para a convocatoria 2022-2023.

Segundo explicou o director, estas achegas enmárcanse dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira e perseguen contribuír a loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.

As subvencións están dirixidas á nova construción, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais e sempre que, cando menos, o 20% do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación). Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados.

0.072180986404419