Penas asegura que as grietas de Frai Plácido Rei Lemos non están relacionadas co tráfico

LugoXa
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou a rúa Frai Plácido Rei Lemos xunto con persoal técnico municipal.
Muro Frai Placido Rei Lemos
28 Out 2021

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou a rúa Frai Plácido Rei Lemos xunto con persoal técnico municipal. O concelleiro nacionalista afirmou que “o persoal tecnico da concellería de Infraestruturas leva revisando as gretas deste muro desde o ano 2011, momento no que comezaron a aparecer”. Alexandre Penas agradeceu “que o grupo municipal do Partido Popular se preocupe polo estado das distintas zonas públicas de Lugo” e explicou que “o persoal técnico descartou que o aumento de tráfico desta zona teña relación directa coas gretas como afirmaba o Partido Popular”.

No 2011 a concellería de Infraestruturas realizou unha serie de catas na zona para coñecer o estado da cimentación desta instalación e asegurou a súa estabilidade. Alexandre Penas explicou que “o persoal municipal realiza revisións periódicas desta infraestrutura para evitar que os problemas se agraven e sexa preciso realizar intervencións a maior escala”.

Alexandre Penas reclamou ao goberno da Xunta de Galiza “que se preocupe tamén polo estado actual da Muralla, tal e como fai o grupo municipal do PP coas instalacións públicas da cidade, e colabore co Concello na redución do tráfico rodado na Ronda e as gretas que as vibracións dos coches están a producir no monumento”.

O edil de Infraestruturas explicou que “desde o Goberno de Lugo estamos a traballar para cumplir as directrices do Icomos e reducir o tráfico, e tendemos a man á Xunta de Galiza para que colabore co Concello na reducción de vehículos para garantir a correcta conservación da Muralla”.

0.17102098464966