Penas de Rodas acolle este sábado unha celebración ritual do Solsticio de Verán

LugoXa | TerraChaXa
O programa comezará ás 16:00 horas cunha benvida acompañada dun sahumado
penas-de-rodas-roteiro-miradoiro-terra-cha
20 Jun 2025

Este sábado 21 de xuño, o enclave natural de Penas de Rodas, no concello de Outeiro de Rei, converterase nun espazo de celebración simbólica e espiritual co gallo do Solsticio de Verán. A xornada, organizada en clave ritual e comunitaria, está pensada para honrar a natureza e conectar coa tradición ancestral a través de ofrendas, camiñadas e cantos.

O programa comezará ás 16:00 horas cunha benvida acompañada dun sahumado, unha cerimonia de purificación mediante fume de herbas aromáticas. A continuación, ás 16:45 horas, iniciarase a camiñada ata a Pena da Moura, un lugar vinculado á mitoloxía popular galega.

Alí, ás 17:15 horas, terá lugar unha ofrenda á moura, figura lendaria que simboliza o misterio e a sabedoría da terra. Ás 18:30 horas iniciarase o retorno cara a Penas de Rodas, onde continuará a programación.

Xa pola noite, ás 20:00 horas, celebrarase unha nova ofrenda e o acendido do altar como acto central do ritual. Finalmente, ás 21:00 horas, o grupo Nuestra Alma Canta porá o broche á xornada cunha sesión de cantos espirituais e participativos.

A celebración do Solsticio en Penas de Rodas busca recuperar e poñer en valor a conexión coa natureza e co ciclo solar, nun lugar de gran forza simbólica e paisaxística, contribuíndo así á preservación da memoria cultural e espiritual do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.17594814300537