Pepe Suevos actuará este sábado no Terra Creative Jam do campus de Lugo
O Campus Terra da USC e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC organizan xunto coa incubadora Lug Open Factory a III Terra Creative Jam os días 18 e 19 de novembro na residencia universitaria Jesús Bal y Gay da sede universitaria luguesa, que, un ano máis, volverá acoller a terceira edición deste evento creativo e de xeración de ideas innovadoras orientado a reinventar o medio rural. A inscrición nesta actividade, para a que xa se apuntaron máis de 50 persoas, é gratuíta e pódese formalizar en liña ata as 14.00 horas deste venres. O público participante terá asemade a oportunidade de gozar cunha actuación do actor e humorista Pepe Suevos, que intervirá neste evento o sábado 18, ás 19.00 horas.
A III Terra Creative Jam antóllase como unha convocatoria axeitada para que estudantes e titulados da sede universitaria luguesa e tamén dos campus de Compostela poidan participar en diversos talleres nos que deberán resolver desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos, ao tempo que acheguen novas solucións para “reinventar o rural”.
O programa do Terra Creative Jam permitirá abordar varias temáticas, tales como a economía verde, produción eficiente e sostible; educación inclusiva e de igualdade; emprendemento dixital e uso das TIC´S no rural; industrias creativas e sector audiovisual; alimentación e vida saudable e a busca do benestar animal e mellora dos ecosistemas. As ideas, produtos e servizos que se desenvolvan deberán estar ligados ás temáticas propostas.
Os participantes, xa de xeito individual xa en equipo, poderán gozar dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sostibles, formación con workshops específicos, prototipos con maquinas 3D, gamificación, drons, realidade virtual e podcast e actividades deportivas con caiac no río e escalada no rocódromo. A segunda xornada consistirá nun Hackaton, no marco do que, as persoas participantes, agrupadas por equipos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución e expoñela diante do xurado.
O tres mellores prototipos de proxecto terán unha praza para todo equipo na Residencia formativa LOF TALENT e no Programa de emprendemento EXPLORER USC. Ademais cada un dos membros do equipo gañador, recibirá varios premios como cámaras tipo GoPro, impresoras 3D-mini e tablets, entre outros.
Inscrición
A asistencia a esta actividade é totalmente gratuíta para todas as persoas interesadas. O prazo de inscrición permanece aberto en liña ata as 14.00 horas do 17 de novembro. As prazas son limitadas e a organización facilitará ás persoas asistentes transporte, aloxamento e mantenza durante os dous días que dura a Terra Creative Jam. Pódese obter máis información a través do enderezo de correo electrónico benvida@lugofactory.com ou no número de teléfono móbil 620 789 835.