Permanece aberta a convocatoria das axudas para rexenerar as vivendas no centro histórico de Lugo
O Goberno local recorda que ata o próximo 11 de setembro permanecerá aberta a convocatoria para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no Centro Histórico de Lugo, baixo criterios de eficiencia enerxética, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que destina un investimento de 850.986 euros.
A través desta convocatoria, que se está a xestionar dende a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA), o Executivo municipal poderá impulsar a rexeneración en aproximadamente medio cento de vivendas, ubicadas no recinto amurallado e na súa zona de influencia, área coincidente coa delimitada polo PEPRI.
A Fase XVII deste Plan de Rehabilitación mobilizará en total preto de 1,6 millóns de euros, 850.000 de financiamento público e 724.000 de achegas particulares. Con estes fondos, se estima que 35 vivendas minorarán entre o 30% e o 45% o seu consumo de enerxía primaria non renovable, mentres que 12 acadarán unha diminución entre o 45 % e o 60 % e 10 inmobles chegarán a unha redución do seu consumo enerxético superior ao 60 %.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sinalou que con esta convocatoria o equipo de Goberno “continúa traballando na rexeneración de parte do parque inmobiliario da zona histórica na liña da recuperación urbanística, residencial, patrimonial e comercial que estamos a efectuar no centro da cidade”, ao tempo que lembrou que “desde a súa orixe, estas axudas contribuíron a impulsar a reforma de 636 vivendas, o que reafirma o compromiso que temos por continuar avanzando na humanización e dinamización do municipio”.
Poderán optar a esta subvención aquelas persoas ou entidades propietarias de inmobles dentro da contorna do Centro Histórico de Lugo para obras relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles ou a adopción de sistemas de aforro da enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Entre outros traballos, contémplanse actuacións nas que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos inmobles de tipoloxía residencial colectiva.
Tamén poden solicitar esta subvención quen teñan realizado as obras nos últimos catros anos, sempre que cumpran os requisitos das axudas, cuxas bases reguladoras poden consultarse na propia convocatoria, publicada no BOP de Lugo do 10 de xullo de 2024. Os criterios de avaliación se basean nunha gradación de puntuacións en función, por unha banda, do tipo de obra a realizar (podéndose acadar maior puntuación na solicitude en función do aforro enerxético previsto tras a actuación) e, por outra, en función da catalogación establecida para o inmoble ou edificación dentro do PEPRI.
Tamén terase en conta a composición do edificio, é dicir, o número de vivendas existentes no mesmo.