Pescar por unha boa causa: Os Troiteiros de Ombreiro celebran unha nova edición do seu concurso
Coa cita, que chega a súa trixésimo terceira edición, o colectivo doará 10 quilos de troitas a familias sen recursos do concello de Outeiro de Rei
Compartir a súa paixón e facelo por unha boa causa. Baixo estas premisas a asociación Os Troiteiros de Ombreiro pon en marcha de novo o seu tradicional concurso de pesca. A cita, que chega a súa trixésimo terceira edición, terá lugar o vindeiro sábado 6 de abril cun carácter benéfico. “Imos a doar 10 quilos de troitas a 5 familias de Outeiro de Rei”, conta Rubén Castro, presidente do colectivo.
No concurso participarán 50 cañistas, que é o número máximo de prazas das que dispoñen no coto de Ombreiro. Cada un deles poderá capturar ata catro troitas. “A Xunta de Galicia cédenos dous días ano a totalidade dos cotos dispoñibles e este ano foron o 6 de abril e o 5 de maio”, engade.
A asociación ten preparado un agasallo para todos os participantes e para os acompañantes que se animen a sumarse á iniciativa, “ademais dos premios dependendo da clasificación no concurso”. Con esta proposta, o club de pescadores mantén viva unha cita xa consagrada no seu calendario. Entre as súas últimas actividades, Os Troteiros, que lograron recuperar fai anos o refuxio de Seivane, limparon os camiños de acceso no coto para así coidar o río e a súa contorna e poder seguir gozando da súa afección.