Petra Expósito Díaz recibiu unha placa polo seu 100 aniversario por parte do Concello de Castroverde

LugoXa
A centenaria dedicou toda a súa existencia aos labores do campo, asumindo soamente tarefas como o traballo agrícola, o coidado dos animais e das tarefas domésticas
Petra-Expósito-100-anos-Castroverde
25 Nov 2025

O Concello de Castroverde quixo recoñecer a vida de Petra Expósito Díaz, que recentemente cumpriu 100 anos, cunha placa conmemorativa en honor á súa traxectoria vital. O acto, cargado de agarimo, homenaxea a unha muller que forma parte esencial da memoria viva do municipio.

Petra naceu en Moreira, na casa do Canteiro, no seo dunha familia de cinco irmáns, catro mulleres e un home. Ao longo da súa vida destacou polo seu espírito forte e pola súa extraordinaria capacidade de traballo, convivindo sempre co seu irmán Ramón, falecido hai seis anos.

Dedicou toda a súa existencia aos labores do campo, asumindo soamente tarefas como o traballo agrícola, o coidado dos animais e das tarefas domésticas mentres Ramón acudía ás feiras. Nunca chegou a casar e mantivo unha vida sinxela, centrada no esforzo, a constancia e a familia.

Na actualidade, debido ao seu deterioro físico e vital, Petra pasa a maior parte do tempo na cama e recibe coidados e compañía con gran dedicación de Santa María Guzmán Cabrera e do seu marido, Ángel Fulías. Desde o Concello de Castroverde expresan o seu recoñecemento máis profundo pola vida de entrega de Petra e polo legado humano que representa.

⚙ Configurar cookies
0.052532911300659