Pezas no castro da Torre do Courel forman unha nova mostra no Museo Provincial de Lugo
O Museo Provincial de Lugo acolle a exposición temporal “Patrimonio Arqueolóxico do Courel. As intervencións no castro da Torre”, que reúne unha escolma da cultura material procedente das escavacións realizadas no xacemento de Sobredo, en Folgoso do Courel, entre os anos 1993 e 1997 polo arqueólogo Antonio Álvarez Nuñez.
Trátase dunha mestura de pezas inéditas, custodiadas nas zonas de reserva do MPL entre as que destaca un trefilador datado, con outras expostas acotío na Sección de Prehistoria e Arqueoloxía como a cerámica da Cova do Oso, a aguia e a tabula hospitalis do Courel.
A mostra, comisariada por Enrique Alcorta, Iván Álvarez, Aurelia Balseiro e Mª Ofelia Carnero, complementa a quinta edición da Xornada de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, centrada no Courel que se celebrou o pasado 25 de marzo.
Maite Ferreiro convidou a visitar a exposición, que se atopa na sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Museo, destacando que “ademais das pezas, nos achega tamén á metodoloxía e as formas de traballo en arqueoloxía nos anos noventa”.
Precisamente, desde hoxe están dispoñibles as actas audiovisuais dese encontro, editadas polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. Poden consultarse na canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.