Piden a reparación do pavimento na rúa Divina Pastora de Lugo

LugoXa
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa pide que se repare o pavimento e o debuxo con forma de estrela
pavimento-Divina-Pastora-de-Lugo
23 Xul 2024

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa pide que se repare o pavimento e o debuxo con forma de estrela do mesmo da rúa Divina Pastora de Lugo. O colectivo, integrado na Federación provincial de Asociacións Veciñais “Lucus Augusti” de Lugo, diríxese á Concellería de Movilidad e Infraestruturas do Concello de Lugo coa petición que retoman pois xa a realizaron fai practicamente un ano, concretamente, o 28 de xullo do 2023.

Asegura que a petición non foi atendida polos representantes públicos con competencia directa nesta materia. Novamente desde a asociación reiteran a importancia de acometer esta reparación, “xa que afecta notablemente á imaxe diaria que ofrece unha praza tan emblemática da capital lucense, como é a Praza da Milagrosa”.

Lembran que se trata dunha zona frecuentada diariamente por multitude de viandantes, veciños e veciñas, turistas que gozan das terrazas, e tamén, en época escolar, por estudantes e, en moitos casos tamén, avós dos mesmos que, sendo persoas de avanzada idade nalgúns casos, corren serio risco de sufrir algún contratempo motivado polas malas condicións do pavimento, ao acudir a recoller aos seus netos.

Así mesmo, solicitan tamén que se acometan as pequenas reparacións e limpeza necesaria nos bancos de pedra da propia Praza da Milagrosa. Aseguran que a época estival é a máis propicia para acometer este tipo de obras, xa que ao atoparnos en meses de vacacións escolares e ser esta unha zona frecuentada por estudantes, é nestes meses cando a praza se atopa menos masificada de transeúntes.

Así mesmo, matizan tamén que as obras solicitadas requiren escaso desembolso económico. Queren facer fincapé, ademais, no feito de que recentemente, desde a propia Concellería de Mobilidade e Infraestruturas instábase á cidadanía para facer peticións de melloras necesarias para os diferentes barrios da cidade. Por todo iso, desde a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa solicitan, novamente, que sexa acometida o máis axiña posible, as reparacións indicadas.

0.16002678871155