Piden melloras no alumeado de Lugo para favorecer a seguridade das mulleres
O PP de Lugo demanda que se realice un estudio do alumeado público da cidade baixo a perspectiva de xénero, “en aras a mellorar a percepción de seguridade e conseguir que os espazos públicos sexan lugares seguros para as mulleres, así como para o resto de cidadáns".
Para os populares, Lugo é "unha cidade segura" pero aprezan que "hai puntos negros onde as mulleres non se sinten seguras porque están en penumbra, e máis agora como consecuencia da pandemia, xa que moitos comercios pecharon, o que reduce a actividade e, polo tanto, a iluminación das beirarrúas".
Instan ao goberno local a axilizar a renovación do alumeado nas rúas que o necesitan, e consideran que nos novos proxectos municipais que se presenten "debe incorporarse a perspectiva de xénero". Entenden que unha boa iluminación é "fundamental" non só para mellorar a mobilidade, senón que tamén "pode ser un gran reclamo para fomentar o turismo e o comercio mediante a creación de ambientes agradables".