Piden que Lugo sexa sede de docencia clínica do grao de Medicina

LugoXa
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por maioría unha moción socialista que reclama equidade educativa e aproveitamento dos recursos do HULA e do campus lucense
saude-medicina
25 Nov 2025

A Deputación de Lugo solicitará á Xunta de Galicia e á Universidade de Santiago de Compostela (USC) que Lugo se converta en sede de docencia clínica do grao de Medicina. Así se acordou no pleno ordinario de novembro, tras a aprobación dunha moción socialista cos votos a favor do PSdeG e do BNG e cos votos en contra do PPdeG.

“Reclamamos que o proceso de descentralización teña en conta os recursos sanitarios e educativos da provincia, porque a realidade é que os futuros profesionais da medicina xa se están a formar en Lugo”, valorou o presidente da Deputación, José Tomé Roca, antes da sesión plenaria. Engadiu que “antes de tomar decisións, debería ofrecerse ampla información ás institucións, profesionais sanitarios, sindicatos, empresarios, colectivos sociais e á cidadanía de Lugo, porque teremos algo que dicir ao respecto”.

A voceira socialista, Pilar García Porto, destacou na sesión plenaria a importancia do principio de equidade educativa para os residentes da provincia, resaltando que o Hospital Lucus Augusti (HULA) e o campus lucense contan con capacidade para formar aos estudantes de formación sanitaria. Subliñou o compromiso coa defensa, consolidación e desenvolvemento do campus universitario de Lugo e coa educación pública superior.

O texto aprobado reclamará á USC que teña en conta a capacidade do HULA, dos seus profesionais sanitarios e do campus de Lugo para a formación de estudantes de grao de Medicina, nos mesmos termos que se aplica ás universidades de Vigo e A Coruña; que antes de tomar decisións se consulte aos colectivos profesionais implicados, ás institucións, á comunidade universitaria e aos representantes sociais de Lugo; e que se garanta a continuidade da personalidade como centro independente da Escola Universitaria de Enfermería do campus lucense no seu proceso de integración na USC.

⚙ Configurar cookies
0.048869132995605