Piden retomar a proposta do Museo da Romanización en San Fernando

LugoXa
Dende Galicia Baleira defenden que sería para todo o noroeste peninsular unha gran oportunidade de recrear o noso pasado romano
cartel-san-fernando-lugo
Cuartel
20 Xuño 2024

Despois dunha nova edición do Arde Lucus, a festa de recreación  histórica por excelencia de Lugo, dende Galicia Baleira piden retomar a proposta de construción no Cuartel de San Fernando do Museo da Romanización. Galicia Baleira é unha organización que representa o interior  de Galicia co obxectivo de facer propostas para  dinamizar a actividade económica e social ou aumentar poboación.

Defenden que o Museo da Romanización en Lugo sería para todo o noroeste peninsular unha gran oportunidade de recrear o noso pasado romano, xuntar distintos achados  arqueolóxicos e catalogalos, así como converter a Lugo nun  referente turístico de primeira orde, tanto para turistas como para  investigadores históricos.

Ademais, apóianse no gran apoio que provoca entre a sociedade lucense. Lembran que hai uns anos a Xunta de Galicia anunciaba a posibilidade  de dispoñer de 12 millóns de euros se alí se instalaba un parador. Esta proposta “disparatada non ten o respaldo social da cidade e a provincia”. Pero, pregúntanse onde están os 12 millóns que se comprometeron para o parador e se se poden destinar ao Museo da  Romanización.

Insisten na importancia turística, económica, social e  arqueolóxica do futuro Museo da Romanización no Cuartel de San  Fernando. “É algo que se nos prometeu aos lucenses e incumpriuse  por parte da Xunta de Galicia de forma reiterada”. Dende o colectivo queren coñecer cal é a proposta do PP e da Xunta  con respecto ao cuartel.

0.2001211643219