Piden un paso de peóns no cruzamento da Avenida da Coruña coa rúa Río Narla

LugoXa
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do Distrito da Milagrosa de Lugo dirixiu unha carta á Concellería de Infraestruturas e ao Departamento de Tráfico da Policía Local de Lugo
cruzamento-Avenida-da-Coruña-sen-paso-de-peóns
30 Jan 2025

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do Distrito da Milagrosa de Lugo faise eco das numerosas queixas que recibiron dos veciños pola falta dun paso de peóns na intersección da Avenida da Coruña coa rúa Río Narla, no cruzamento cara á Avenida Reverendo José Fernández.

Segundo a Asociación, que dirixiu unha carta á Concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo e ao Departamento de Tráfico da Policía Local de Lugo, trátase dunha zona densamente poboada, especialmente os días de mercado (martes e venres), e durante os eventos no Parque da Milagrosa.

Ademais, os pasos de peóns máis próximos atópanse moi afastados deste cruzamento, o que obriga aos peóns a camiñar longas distancias para cruzar de forma segura. A zona, tamén moi concurrida por vehículos que se dirixen cara á Praza Agro do Rolo, ao centro da cidade ou á saída cara á Avenida da Coruña, presenta un grave risco para a seguridade viaria e peonil.

A Asociación solicitou, en reiteradas ocasións, a instalación dun novo paso de peóns semaforizado para regular tanto o tráfico rodado como o peonil, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da zona. Ademais, expresaron a súa preocupación pola falta de resposta ás súas peticións, plantexando a inquietude de saber as razóns polas que non se levou a cabo unha mellora tan necesaria.

Con esta iniciativa, os veciños esperan poder evitar accidentes e facilitar o tránsito seguro de peóns, especialmente nunha área tan transitada e crucial para a mobilidade urbana.

0.17067694664001