Piensos Fulgencio gaña o I Concurso de Escaparates de Nadal de Castro de Rei

O establecemento comercial Piensos Fulgencio, situado no Parque Empresarial de Castro Ribeiras de Lea e dedicado á venda de alimentación para animais e produtos para o rural e o xardín, resultou gañador do I Concurso de Escaparates de Nadal organizado polo Concello de Castro de Rei.
Segundo fixo público o Concello, o xurado valorou especialmente a presenza de produtos autóctonos no escaparate, ao consideralos un reflexo fiel da identidade do rural e da materia prima da zona, así como o coidado na súa elaboración manual.
O segundo premio foi para o establecemento Cousas, situado na avenida de Terra Chá de Castro Ribeiras de Lea, dedicado á venda de libros, material escolar, xoguetes e artigos de regalo e escritorio. O terceiro posto correspondeu a Filme Fotografía, negocio especializado en fotografía social de todo tipo de eventos, así como fotografía industrial e de produto.
Os establecementos gañadores recibirán un premio económico por parte do Concello, consistente en 500 euros para o primeiro clasificado, 300 euros para o segundo e 180 euros para o terceiro.
Desde o Concello de Castro de Rei valorouse moi positivamente esta iniciativa, na que participaron un total de 18 establecementos comerciais. O obxectivo do concurso foi estimular aos participantes a difundir os seus produtos durante as datas do Nadal, premiando a orixinalidade, a creatividade, a dedicación, o deseño e a decoración acorde co produto á venda, así como o atractivo comercial dos escaparates, coa finalidade de promover o comercio local e impulsar o ambiente festivo no municipio durante o Nadal.