Pilar Alegría destaca o "modelo existoso" do CEI Nodus na súa visita ao centro
A alcaldesa, Lara Méndez, recibiu este mércores nestas dependencias municipais a Pilar Alegría, quen coñeceu de primeira man o traballo que se está a desenvolver no centro. Como remate da xornada, fíxose entrega dun recoñecemento aos sete proxectos finalistas do reto do Tour do Talento "Lugo a cidade que imaxinas e na que queres vivir".
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este mércores no Centro de Emprendemento e Innovación do Concello (CEI-Nodus) á ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, quen visitou estas instalacións para coñecer os proxectos de formación que está a impulsar o Concello de Lugo, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego.
A rexedora e a ministra, acompañadas dos edís Mauricio Repetto, Ana Abelleira e Paula Alvarellos, e da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, mantiveron un encontro con emprendedores e representantes de asociacións que se atopan instaladas no CEI-Nodus, así como con alumnos e exalumnos das diferentes programacións postas en marcha polo executivo municipal no último mandato. Neste senso, a Ministra puxo en valor o traballo da rexedora por potenciar un modelo exitoso coma este, cun centro que pon o foco en iniciativas locais, apoiando o emprendemento, xerando emprego e dinamizando a economía lucense.
Pilar Alegría quixo realizar un recoñecemento, así mesmo, “a todo o persoal do CEI polo traballo que levades desenvolvendo dende o ano 2004, permitindo que durante todos estes anos centos de emprendedores recibiran formación de maneira gratuíta, logrando un elevado índice de éxito nos proxectos empresariais nacidos nestas instalacións”.
“No ámbito municipal non adoita haber este tipo de iniciativas con tanta potencialidad como este CEI Nodus e por eso tamén quero darlle a noraboa ao concello por realizar esta aposta, porque permite poñer o foco en iniciativas locales, apoiar o talento local, xerando un desenvolvemento económico para a cidade de Lugo e para toda a comunidade”, engadiu a ministra.
Lara Méndez destacou que “nos últimos catro anos, 2.259 lucenses formáronse, de xeito totalmente gratuíto, a través das accións que puxemos en marcha dende o goberno local para mellorar as súas competencias profesionais e facilitar o seu acceso ao mercado laboral, ou ben, para reimpulsar a súa carreira cara novos nichos de mercado que se atopan en auxe, relacionados coas novas tecnoloxías e cunha alta demanda de profesionais”.
“Esta formación desenvolveuse tanto de maneira presencial, nas instalacións do CEI, como de xeito online –especialmente durante a pandemia–, un período no que, dende o executivo, intensificamos a nosa aposta pola formación, poñendo a disposición dos e das lucenses programas como ‘Fórmate Lugo’ ou ‘Lugo Job’, a través dos que 1.639 persoas finalizaron con éxito cursos dunha ampla variedade de familias formativas”.
Por outra banda, subliñou Méndez, foron 130 persoas desempregadas as que se formaron neste periodo de forma presencial, para obter certificados de profesionalidade, a través dos cursos de Confección e publicación de páxinas web; e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións; así como en competencias clave de Nivel 2 (liguna castelá, lingua galega e matemáticas).
Finalmente, a alcaldesa lembrou que tamén se puxeron en marcha accións formativas financiadas polo Fondo Social Europeo, da man da Fundación Incyde e da Escola de Organización Industrial (EOI) como o programa ‘Inicia Coworking’, “con seis exitosas edicións, nas que un total de 148 persoas recibiron formación e acompañamento individualizado por parte de expertos para poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial”. “Actualmente, 81 das empresas que xurdiron a raíz desta iniciativa atópanse facturando, o que da boa conta da impronta deste programa na cidade”.
A rexedora e a ministra mantiveron un encontro, así mesmo, cos alumnos e docentes do obradoiro de emprego Lugo Sostible 5.0 que se está a desenvolver actualmente no CEI Nodus e que conta con tres especialides formativas: desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos (7 alumnos); Desenvolvemento de aplicacións web (7 alumnos); e Xestión de Marketing e Comunicación (6 alumnos). Méndez lembrou que “desde o ano 2019 desenvolvéronse un total de 6 obradoiros de emprego participando neles un total de 88 persoas como alumnos-traballadores”.
Entrega de diplomas do Reto ‘Lugo a cidade que imaxinas e na que queres vivir’
Como remate da xornada, Lara Méndez e Pilar Alegría fixeron entrega dun diploma ás e aos compoñentes dos sete equipos finalistas do reto ‘Lugo a cidade que imaxinas e na que queres vivir’ posto en marcha polo executivo municipal no marco do Tour do Talento. Os centros educativos que tiveron representación na final foron o CIFP As Mercedes; IES Anxel Fole; o Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo; o IES Sanxillao; o Colexio María Auxiliadora; un grupo individual; e o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, cuxas alumnas (Pilar Wegmuller, Laura Iglesias e Alejandra García) resultaron vencedoras co proxecto: “Lugo, ciudad milenariamente joven”.
Viveiro municipal do CEI Nodus
O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo púxose en marcha en novembro de 2004. Conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación, 5 talleres, 2 laboratorios e 16 locais. Tamén conta cun espazo dividido en 5 compartimentos para Semilleiro e un espazo Coworking. Nos últimos catro anos, un total de 122 empresas estiveron instaladas nestas dependencias municipais, onde tamén recibiron asesoramento uns 220 emprendendedores.