Pilar Bellón como nova voceira do BNG no Corgo

LugoXa
O concelleiro do BNG do Corgo, Mario Outeiro, comunicou o seu cese no cargo na Asemblea local do BNG celebrada no Centro Sociocultural.
bng corgo mario outeiro pilar bellon
22 Jul 2021

O concelleiro do BNG do Corgo, Mario Outeiro, comunicou o seu cese no cargo na Asemblea local do BNG celebrada o martes, 20 de xullo de 2021, no Centro Sociocultural do Corgo.

O profesor do Corgo deixa a acta de concelleiro despois de máis de dez anos como voceiro da fronte nacionalista no concello do Corgo por motivos profesionais (o día 1 de xullo tomou posesión como director do IES Pedregal de Irimia de Meira).

Mario Outeiro será relevado no cargo pola administrativa de Laxosa Pilar Bellón Candal que participou nas tres últimas candidaturas do BNG, sendo a terceira nas eleccións de 2019. Pilar Bellón viña ocupando o cargo de responsábel local do BNG dende mediados de 2017, relevando a Xurxo Rodríguez que levaba 7 anos asumindo a responsabilidade.

Mario Outeiro deixa o cargo despois de presentarse á alcaldía en tres ocasións (2011, 2015 e 2019), e xestionar a Área de cultura e turismo na Deputación Provincial de Lugo, xunto coa portavocía do grupo provincial do BNG, no período 2011-2015. O profesor corgués seguirá ligado ao concello dende o plano cultural xa que forma parte das xuntas directivas da Asociación Cultural Arumes do Corgo e do Centro de Estudos do Corgo.

Pilar manifestou “realizar un traballo continuísta nos vindeiros dous anos de mandato, mesturando de xeito equitativo un control rigoroso do equipo de goberno coa presentación de alternativas boas e útiles para a veciñanza, nunha oposición construtiva como leva facendo o BNG do Corgo dende hai décadas”.

Pilar Bellón, que conta co respaldo unánime da asemblea local, manifestou que á volta do verán comezarán a ampliar a base social do BNG do Corgo pensando en reforzar o partido de cara as vindeiras eleccións municipais, a celebrar en maio de 2023. Dende o punto de vista do traballo municipal indicou que supervisarán a construción do viveiro de empresas e a ampliación do polígono industrial do Corgo (iniciativas presentadas polo BNG nos últimos anos, e a última defendida no Parlamento de Galiza pola deputada Olalla Rodil), así como o saneamento integral do río Mazandán que atravesa a parte central do concello e é un dos máis contaminados de Galiza.

0.19524598121643