Pilar García Porto presenta a súa candidatura socialista en Antas de Ulla
A alcaldable do PSdeG comprométese a liderar un Goberno centrado en “garantir os servizos básicos, coas estradas, traídas e alcantarillado como prioridades”; en ofrecer prestacións para a atención ás persoas maiores e facilitar a conciliación familiar; e no impulso do emprego e da actividade económica coa creación de solo industrial e da promoción dos recursos patrimoniais e naturais de Antas.
Os socialistas de Antas de Ulla celebraron este venres o acto de presentación da candidatura ás eleccións municipais, que lidera Pilar García Porto, na actualidade voceira do grupo municipal do PSdeG e tamén portavoz socialista do Goberno da Deputación, ademais de deputada responsable das áreas de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e secretaria de Organización provincial do Partido Socialista.
Co aval dunha ampla traxectoria de responsabilidade institucional, orgánica e política marcada polo traballo constante e recoñecido en favor de Antas, García Porto ofrece “un compromiso absoluto e cercanía cos veciños e veciñas, experiencia, rigor e xestión para sacar a Antas do parón que sofre, frear a perda de servizos, e darlle o impulso que merece”. “O noso municipio está cheo de oportunidades, e queremos traballar man a man cos veciños e veciñas para que calquera persoa que queira deseñar aquí o seu proxecto de vida atope no Concello e na Alcaldía un cómplice, un colaborador implicado”, subliñou a candidata.
Dende “o diálogo con todos e todas”, entendendo o Concello “como un lugar de portas abertas”, a socialista busca, xunto con todo o seu equipo, “recuperar a esperanza e a ilusión para o noso municipio, e devolver o sentimento de orgullo de Antas de Ulla”, que “merece unha oportunidade, e nós estamos preparados e en condicións de darlla”.
O acto de presentación da candidatura, celebrado no restaurante Val, contou coa participación do Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, Presidente da Deputación e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ademais do delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o Senador César Mogo, entre outros responsables orgánicos do partido, candidatos da comarca, militantes e simpatizantes, e veciños e veciñas do municipio e do resto da Ulloa.
O líder dos socialistas na provincia mostrouse convencido de que o vindeiro 28 de maio Pilar García Porto conseguirá “o cambio de ciclo político que tanto necesita Antas para saír da escuridade, do parón, para deixar de perder servizos e comezar a gañalos, e para medrar aproveitando os enormes recursos que ten este concello”.
“Temos unha candidata gañadora e será unha excelente alcaldesa” porque “é unha persoa moi traballadora, rigorosa, comprometida, cercana, que sabe facer equipos, que coñece palmo a palmo Antas e que defende como ninguén os intereses dos seus veciños”, asegurou José Tomé.
De feito, incidiu, García Porto “conseguiu e fixo máis por Antas de Ulla que o actual Alcalde nos 25 anos que leva gobernando, con moita diferencia. Polo tanto, que non será capaz de facer polo seu concello cando sexa Alcaldesa?”
Neste sentido, lembrou que a Deputación de Lugo, só neste mandato, destinou a Antas 4 millóns de euros para mellorar servizos, rúas, pistas, estradas, para o Servizo de Axuda no Fogar ou para crear emprego, ademais de potenciar o concello como centro xeográfico de Galicia coa creación do Parque Central.
“Todo o se que se fixo foi gracias a Pilar García Porto, e a pesar do actual alcalde, que non puxo máis que trabas e zancadillas, pois, por riba de non facer nada, quere boicotear o que facemos os socialistas por Antas”. “Sen embargo”, afirmou José Tomé, “non o conseguiu, nin o fará, porque sacamos adiante todas as obras e o Parque Central”, lembrando que o Pleno municipal aprobou o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, o paso imprescindible para que a Deputación poida pedir licencia ó Concello e iniciar as obras deste espazo público, algo que se producirá, asegurou o Secretario Xeral, “xa con Pilar como alcaldesa”.
Pola súa banda, a candidata mostrouse preparada para “afrontar a xestión do Concello dende a Alcaldía e gobernar Antas”. “A experiencia destes anos na Deputación ao fronte de áreas como economía, cultura, patrimonio histórico artístico, recursos humanos, promoción do territorio e turismo, danme a confianza necesaria para afrontar a Alcaldía xunto ao equipo que leva anos traballando comigo e apostando por Antas e polos seus veciños”, explicou.
Os veciños, no centro das políticas
A candidata socialista comprométese a unha xestión “transparente, coas contas claras, coas persoas no centro das nosas políticas, con diálogo con todos os colectivos, con humildade e sen contar as horas ou o tempo que os veciños necesitan, como fixemos ata o de agora”.
As prioridades establecidas no seu programa electoral, tal e como explica Pilar García Porto, pasan por garantir á veciñanza “servizos básicos de calidade”, centrando a atención “nas estradas, no abastecemento de auga e no alcantarillado para as aldeas e a vila”, así como no “acondicionamento de espazos públicos no casco urbano que renoven a imaxe de Antas, recuperando para uso público e social edificios como a Casa da Hermandade ou as Casas Escola nas aldeas”.
Para os socialistas, son imprescindibles ademais “os servizos sociais para a atención ás familias”, como a creación dun centro de día ou o impulso de actividades e talleres para as persoas maiores, e medidas para favorecer a conciliación familiar ofrecendo espazos para os nenos e nenas mentres os pais e nais traballan.
Para a promoción do emprego e da actividade económica que necesita Antas, os socialistas traballarán para crear solo industrial na localidade, e plantexan como obxectivos prioritarios baixar o IBI en rústica e urbana, e regularizar o cobro da auga.
Pilar García Porto avanza así mesmo que promocionará os recursos patrimoniais e naturais de Antas “para poñernos no mapa e xerar actividade económica aproveitando as referencias exclusivas do noso territorio, como ser o Centro Xeográfico de Galicia, ter o nacemento do Ulla e contar cun gran patrimonio natural e arquitectónico”.
Candidatura do PSdeG en Antas de Ulla
A lista electoral dos socialistas está formada polos seguintes candidatos e candidatas:
- María del Pilar García Porto
- José Manuel Quintá Rojo
- Ana María Guerreiro Gómez
- José Ouro Mariño
- José Manuel Almuíña Guerreiro
- Francisco Sampayo Carrera
- Isabel García Vázquez
- Victoria García Soengas
- Santiago Mourelle Fernández
Suplentes: José Antonio Rubín Pereiro; Luis Fente Novoa; Félix Manuel Miguélez Vázquez; José Manuel Vázquez Varela; e Luis Coucheiro Sánchez.