Pilar García Porto será a candidata do PSOE a Alcaldía de Antas de Ulla

LugoXa
Pilar García Porto será a candidata do PSOE a Alcaldía de Antas de Ulla para as vindeiras elección municipais do 28 de maio
pilar garcia porto candidata psoe antas de ulla
27 Mar 2023

A militancia socialista de Antas de Ulla ratificou por unanimidade a Pilar García Porto como candidata a Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, polo seu “fondo coñecemento da realidade e das oportunidades do seu concello e da súa comarca, pola súa capacidade de traballo e ampla experiencia de xestión, polo seu proxecto de futuro para Antas, e polo seu compromiso cos seus veciños e veciñas, que demostra cada día”.

Uns valores que destacou sobre García Porto o secretario xeral do Partido Socialista na provincia e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, quen se mostrou convencido de que a candidata “será a próxima alcaldesa de Antas de Ulla” e “abrirá un novo ciclo ilusionante de progreso e de desenvolvemento para o seu concello, que tanto necesitan e merecen os veciños”.

A socialista incidiu precisamente en que o seu obxectivo e o de todo o seu equipo “é recuperar a esperanza e a ilusión para o noso concello, e devolver o sentimento de orgullo de Antas de Ulla”, que “merece unha oportunidade, e nós podemos e vámoslla dar”.

“Eu, ao igual que os meus compañeiros e compañeiras de candidatura, nacín en Antas, crieime aquí e, despois de estudiar e de traballar durante un tempo fóra, volvín para instalarme na miña terra. Por iso, e porque Antas está cheo de oportunidades, queremos traballar man a man cos veciños e veciñas para que calquera persoa que queira deseñar en Antas o seu proxecto de vida atope no Concello e na Alcaldía un cómplice, un colaborador implicado”, destacou Pilar García Porto.

“A experiencia destes anos na Deputación ao fronte de áreas como economía, cultura, patrimonio histórico artístico, recursos humanos, promoción do territorio e turismo, danme a confianza necesaria para afrontar a Alcaldía xunto ao equipo que leva anos traballando comigo e apostando por Antas e polos seus veciños na oposición”, explicou a candidata socialista. “Somos un equipo sólido que sempre traballamos en positivo con rigor e humildade. Estamos preparados para darlle a Antas de Ulla e aos nosos veciños a oportunidade que merecemos”, recalcou.

Así mesmo, asegurou que contar co respaldo dun partido político “que goberna na actualidade en institucións importantes para os concellos, como son a Deputación de Lugo ou o Goberno do España, é fundamental para forxar alianzas que permitan conseguir apoios para sacar adiante proxectos de futuro no noso concello, tanto a nivel de infraestruturas, emprego, servizos sociais ou de iniciativas económicas”.

Neste sentido, incidiu na necesidade “dun diálogo e colaboración permanente coas demais administracións para acadar os servizos que necesitan os veciños, axudas económicas para novos proxectos e complicidade cos concellos limítrofes”. “Un Concello, un equipo de goberno, un alcalde que se illa das outras administracións leva ao seu municipio á perda de servizos, de oportunidades e ao fracaso”.

A candidata socialista comprométese a unha xestión “transparente, coas contas claras, coas persoas no centro das nosas políticas, con humildade e sen contar as horas ou o tempo que os veciños necesitan, como fixemos ata o de agora”.

“Sempre que alguén o precisa, estamos para axudarlle individualmente, pero tamén temos a man tendida aos colectivos con calquera proxecto ou cuestión que plantexan”, asegurou, engadindo neste sentido que “o tecido cultural, deportivo e veciñal de Antas necesita apoio e diálogo por parte do Concello, información e complicidade na tramitación da documentación”, algo que ofrecerán os socialistas, tal como recollen no seu programa electoral, “que é o documento que asinamos para gobernar Antas”.

Un programa electoral no que as prioridades, tal e como explica Pilar García Porto, pasan por garantir á veciñanza “servizos básicos de calidade”, centrando a atención “nas estradas, no abastecemento de auga e no alcantarillado para as aldeas e a vila”, así como no “acondicionamento de espazos públicos no casco urbano que renoven a imaxe de Antas, recuperando para uso público e social edificios como a Casa da Hermandade ou as Casas Escola nas aldeas”.

Para os socialistas, son imprescindibles ademais “os servizos sociais para a atención ás familias”, como a creación dun centro de día ou o impulso de actividades e talleres para as persoas maiores, e medidas para favorecer a conciliación familiar ofrecendo espazos para os nenos e nenas, mentres os pais e nais traballan.

Para a promoción do emprego e da actividade económica que necesita Antas, os socialistas "traballarán para crear solo industrial na localidade". O feito de que non exista esta dotación motivou que os empresarios “fuxisen ao polígono de Monterroso, e está freando o desenvolvemento do noso concello”, asegurou a candidata a alcaldesa, quen propón tamén “reducir impostos municipais e igualalos con concellos do lado” como factor fundamental “para competir en  igualdade”. “Baixar o IBI en rústica e urbana e regularizar o cobro da auga son dou obxectivos prioritarios”, detallou.

No ámbito económico, Pilar García Porto avanza que “promocionar os recursos patrimoniais e naturais de Antas para poñernos no mapa aproveitando as referencias exclusivas do noso territorio, como ser o Centro Xeográfico de Galicia, ter o nacemento do Ulla e contar cun grande patrimonio natural e arquitectónico, son elementos que vamos a poñer en valor para desenvolver rutas, visitas e talleres de coñecemento, espazos de traballo compartido que atraerán a moitas persoas e proxectos a Antas, e que son unha fonte de oportunidades para o futuro”.

“Para o noso concello pasaron dúas décadas de perda de servizos, ás que queremos poñer fin. Cada vez imos a menos, pois pechou o Cuartel, pecharon oficinas bancarias, reduciuse o horario de Correos e hai menos médicos. Vinte anos deixando morrer e escapar oportunidades. Antas de Ulla merece unha oportunidade e nós podemos darlla”, concluíu Pilar García Porto.

0.20280599594116