Pita e Wagner Molina, nova estrutura deportiva do CD Lugo
O CD Lugo presentou esta semana a súa nova estrutura para a área deportiva. O ex xogador do club Carlos Pita será o novo Director Deportivo mentres que Wagner Molina fará de Secretario Técnico. Así o anunciaron o pasado xoves nunha comparecencia ante a prensa xunto ao presidente do club, Tino Saqués.
Na rolda de prensa, o ex capitán albivermello daba trazos do que vai ser a liña de construción do persoal, mentres que Molina detallaba algúns dos puntos de xestión máis importantes da etapa que agora comeza. Tino Saqués expresaba a súa satisfacción pola cristalización das dúas chegadas que, en palabras do Presidente, comparten valores e ambición coa institución.
Pita comezou a súa comparecencia agradecendo a Saqués a súa "valentía" diante da decisión de facelo Director deportivo pois, dixo, "aprenderei de Wagner moitas cousas, quero crecer xunto ao departamento cun bo traballo". En canto a novos perfís para o club, advertiu que, primeiro, verán as opcións que se presentan e traballan "en diferentes frontes", moveranse, avanzou, en función do mercado.
"Sabemos que hai xente que se revalorizou, que teñen interese doutros equipos. Non temos medo a nada, sabemos da situación do club. A xente quere crecer, pero defenderemos a situación do equipo", explicou Pita quen lembrou que "hai un groso do persoal pechado".
Malia que non avanzou nomes, o ex capitán si puido dicir que confían na xente que está "e engadiremos algunhas cousas para ser máis competitivos". Asemade, Pita asegurou que confian no filial "acaban de ascender a unha categoría importante, e temos xogadores que nos poden axudar. Farán a pretemporada varios xogadores do equipo".
Pola súa banda o Secretario Técnico amosouse "con moita ilusión". Tivo tamén palabras de agradecemento ante a confianza o presidente do club e asegurou que decidirán o traballo a facer "en función do noso criterio e do mellor para o club".
"Sabemos onde temos que reforzar, temos claras as ideas. Pero hai que seguir valorando", explicou Molina quen considerou que, logo do fin da liga, toca valorar as opcións que traia o mercado.
Wagner Molina asegurou que "1ºRFEF é unha categoría interesante, con bos xogadores. Imos tela moi controlada, é importante para nós. En canto ao xogador portugués, aquí sempre renderon ben, e cremos que pode haber algunha opción deste mercado". Asemade, reforzou o discurso de Pita ao confiar no CD Lugo B para dar "unha continuidade" ao primeiro equipo.
"Queremos que o xogador que suba asuma todo o que significa o proceso. O sentido das categorías base está no primeiro equipo", concluiu Molina.