Planifican un novo mural en Recatelo dentro do proceso de transformación do barrio

LugoXa
A Tenencia de Alcaldía de Lugo anuncia unha intervención artística en colaboración coa Deputación para seguir mellorando o espazo público
reunion-veciños-Recatelo-Lugo
30 Aug 2025

A Tenencia de Alcaldía de Lugo avanza na mellora dos espazos públicos coa elaboración dun novo mural no barrio de Recatelo.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, estivo acompañado polo muralista Rubén Paz e por veciños e veciñas da zona para avaliar os espazos dispoñibles e recoller as súas opinións. A iniciativa contará coa colaboración da área de Cultura da Deputación Provincial.

Arroxo salientou o traballo realizado nos últimos anos, que permitiu transformar Recatelo nun barrio máis humano e sostible.

Nesta liña destacou a renovación do pavimento, a modernización das infraestruturas soterradas, incluíndo as redes de abastecemento e saneamento, a instalación de novo alumeado LED de baixo consumo e a creación de espazos con vexetación que achegan sombra e melloran o confort durante os meses de maior calor.

O tenente de alcalde lembrou que a remodelación de Recatelo naceu como un proceso dialogado coa veciñanza, mantendo reunións e canles de comunicación abertas de maneira continua. Subliñou ademais que o compromiso do Concello é seguir atendendo as peticións cidadás para continuar avanzando neste modelo de barrio.

O traballo realizado consolidou Recatelo como unha zona estratéxica de paso e de lecer, que conecta o casco histórico co Parque Rosalía de Castro, apostando pola mobilidade peonil e pola mellora da calidade de vida no corazón da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.21295189857483