Plataforma Feminista de Lugo: “Cada vez somos máis, polo que o feminismo impregna a sociedade de forma transversal”

Jessica Fernández
Cando e como xorde a Plataforma Feminista Lugo?
A Plataforma Feminista de Lugo xorde sobre a infraestrutura das activistas que nos precederon na loita a favor do dereito ao aborto, e das diferentes reivindicacións doutras décadas, coma a equiparación dos dereitos laborais. Baixo o nome de Plataforma Feminista, levamos traballando dende o ano 2010.
Como foi a evolución deste colectivo?
Actualmente, son a membro máis antiga. Descubrín a PFL hai moitos anos, unha noite de inverno cando vin a tres mulleres, Bego, Sara e Patri, ao pé do Concello, suxeitando un cartel, escrito por elas, en contra da violencia contra as mulleres. Eu ía coa miña amiga Inma, e achegámonos a charlar con elas. A acollida que nos deron e a súa forza e determinación namorounos, e de seguida convidáronos a participar nas súas reunións, e aquí seguimos. Agora mesmo, no grupo duro de traballo, o de acción real, somos 14 mulleres, pero temos moitas que van e veñen, condicionadas pola precariedade laboral e os seus destinos, pero sempre estamos abertas a novas achegas, sempre hai sitio para unha máis.
Como é a acollida da sociedade lucense da plataforma?
Esa parte tamén evolucionou para ben. Lembro hai moitos anos unha noite de protesta polo asasinato dunha muller, achegáronse dúas mulleres maiores para insultarnos. Dende aquela, a cousa mudou bastante. Hoxe, hai moita máis conciencia de igualdade, e a xente xa nos coñece, despois de estar nas rúas tantos anos, Lugo xa sabe o que facemos, porque o facemos, por quen o facemos e sabe que traballamos de balde, sen esperar nada máis que espertar o espírito crítico, motivar ás mulleres a que non se resignen, a que loiten, a que saiban que non están soas, a tecer rede con todas e para todas, a remover conciencias, e a loitar sen descanso contra o patriarcado e as súas múltiples formas de someter e explotar á muller. Por outra banda, sentímonos moi respectadas e reconfortadas cando nos chegan as mostras de alento e de agradecemento. Iso para nós é o noso motor e a nosa forza para seguir na loita. Non coñecemos nada máis gratificante nin fermoso que sentir unha ollada de cariño ou unha aperta de agradecemento dunha muller, maior ou moza á que puidemos axudar, ou podemos motivar.
A Plataforma Feminista en que bases se sustenta a día de hoxe?
A Plataforma recolleu o xerme do traballo invisible e impagable das nosas precursoras, pero evolucionou e segue a facelo en torno ás diferentes demandas sociais, laborais e humanas que seguen xurdindo. O mundo está en constante evolución, e agora sabemos moito máis, máis aló da existencia de lesbianas, gais, transexuais e persoas bisexuais, hai tamén, intersexuais, moita xente que rexeita o binarismo e moita tamén que non se identifica con ningunha das siglas do acrónimo. Agora tamén coñecemos e loitamos contra novas violencias como as dixitais, como o ciberbullyng, sexting, stalking, grooming, o shaming, ou o doxing, que están na orde do día da nosa mocidade. O noso posicionamento firme no apoio as mulleres transexuais é motivo de orgullo na nosa Plataforma, que se autodefine como transincluínte, transversais, decoloniais, anticapitalistas, antirracistas, antifascitas e apartidistas. Somos libres e soberanas para militar ou simpatizar individualmente co que cada unha en calquera momento lle pareza axeitado, mais como Plataforma non temos amo nin dono, tampouco recibimos prestación, subvención ou prevenda de ningún tipo material ou inmaterial que nos condicione, polo que as nosas decisións sempre se fan en base a consensos e disensos, libres de presións ou doutrinas externas.

Fálenos das grandes citas do feminismo: o 8M e o 25N.
Nós traballamos todo o ano en diferentes eidos, non sempre programados, porque por desgraza é a actualidade a que marca moitas veces a nosa axenda. As barbaridades cotiás que xorden van enchendo a folla de ruta do noso traballo: asasinatos machistas, violencia vicaria, violacións interfamiliares, violencia na parella, acoso, violencias dixitais. Sen desatender o traballo diario, e aínda que a vida non dá tregua, sempre afrontamos con toda a forza que temos ás dúas grandes citas do feminismo, o 8M e o 25N, o que para nós supón un gran reto cada ano, porque o damos todo en cada ocasión. Cada ano tentamos dar un novo enfoque, unha nova luz para facer ben as cousas, para chegar a máis xente, para concienciar máis. Coidamos moito os espazos de reunión, creamos sitios seguros onde poidan fluír libremente os sentires de todas nós, tecemos o máximo de redes das que somos capaces, sabedoras de que a diversidade é a nosa forza e maior grandeza que temos. Acollemos a todas en Asembleas Abertas e escoitamos tódalas voces, todos os sentires. Cada día somos máis, e somos moi e distintas, diversas e únicas e a nosa diferencia fainos máis abertas e mellores. Aprendemos unhas de outras, e nese ambiente é como xorden todas as consignas, os lemas, as faixas coas mensaxes, as arengas, os Manifestos. Escollemos con gran consenso cada frase, cada tema, e ás mulleres ás que lles propoñemos ler os anifestos.
En que consiste o traballo da Plataforma, máis alá do 8M?
A través das nosa redes sociais, chégannos todo tipo de consultas, demandas, peticións de axuda de todo tipo, que, coa precariedade de medios que temos, resulta materialmente imposible dar atendido, aínda que tentamos dar resposta a todas. Ás veces necesitan expertos profesionais en diferentes aspectos, legais, sociais, económicos, etc., que as administracións non cobren. Esa é a parte máis frustrante do noso traballo. Ao longo da historia da Plataforma, temos feito todo tipo de talleres e infinidade de xuntanzas específicas para tratar temas concretos que chaman a nosa atención ou inducen ao debate, polo que convidamos a outras mulleres profesionais dos temas en cuestión, para autoformarnos e educarnos no que nos preocupa, que é o que lle preocupa ás mulleres en xeral. Facemos accións de rúa, con mesas informativas sobre temas de actualidade. Temos feito ciclos de cine feminista, recomendacións de literatura feminista, e talleres moi diversos, como os de Empoderamento Feminista, ou outros máis prácticos como de Defensa persoal, temos tido Talleres de Teatro Feminista, e infinidade de charlas de todo tipo. O 28 de xuño, celebramos xunto cos compañeiros de Avante LGTBIQ+ Lugo o día o orgullo. O 28 de Setembro, reivindicamos o Día Internacional para o Acceso ao Aborto Legal e Seguro, para lembrar que cada ano morren máis de medio millón de mulleres, a maioría en países en vías de desenvolvemento; e no que respecta ao noso país, lembramos coa nosa presencia, que seguimos vixiantes para que non se dea un so paso atrás, nos dereitos conqueridos. Ademais, no verán, asistimos a Festivais feministas, onde nos relacionamos con outros colectivos do país, e partillamos sentires e experiencias, onde tamén aproveitamos para levar o noso merchandising, dos nosos propios deseños, algúns deles amplamente recoñecidos e buscados pola xente, como as que levan o noso lema de Mulleres Bravas. Isto supón a única fonte de ingresos que temos, e grazas á cal podemos acometer eventos tan multitudinarios como o 8M ou o 25N, porque somos autoxestionadas.
Teñen colaboración con outras entidades para desenvolver os seus proxectos?
Si, por suposto, é unha das nosas prioridades, tecer lazos e tender pontes, cremos que, escoitándonos, aprendemos unhas de outras. Temos unha estreita relación de colaboración con colectivos como Aliad Ultreia, máximo representante da loita contra a explotación sexual e a trata; con Impunidade Carioca, con Arelas, a Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia; con Avante LGTBIQ+ Lugo, coa Plataforma Lugo por Palestina, coa Rede Asociativa de Lugo, á que pertencemos xunto con outros Colectivos como o Centro Social Madia Leva, Centro Social A Hedreira, Vagalume, Semente, ou Adega. Tamén formamos parte do Convivio Feminista Lucense, que é unha Rede onde conviven e partillan colectivos feministas de toda a provincia, do norte ao sur, como o Observatorio da Mariña Lucense, Mulleres de Raíz de Sarria, FemForte de Monforte de Lemos, Feministas de Vilalba, Feministas da Terra Chá, PolaMiuda de Chantada, ou o Colectivo Feminista das Pontes. Admiramos moito o traballo incansable do Sindicato Labrego Galego, que é para nós son un referente, polo que calquera colaboración con elas para nós é unha honra.
Cales son as necesidades da Plataforma?
Necesidades temos moitas, mais a nosa filosofía é seguir sendo autoxestionadas, a través dos deseños do noso propio merchandasing e grazas á xente que colabora adquirindo os nosos paraugas, as nosas cuncas e camisetas. Non pedimos axudas de ningún tipo á Xunta, á Deputación ou ao Concello, porque entendemos que iso coartaría a nosa liberdade á hora de esixir que se cumpran as leis e as normativas aplicables. Non estamos hipotecadas á hora de reclamar, polo que preferimos a precariedade económica para dispoñer de toda a liberdade de acción.
Cales son os proxectos de futuro?
A prioridade é estar vixiantes das políticas públicas, especialmente daquelas que nos afectan máis ás mulleres e denunciar o que non funciona ben ou o que non se está cubrindo, e, por suposto, seguir formándonos e informándonos, seguir a tecer lazos e pontes en aras de conseguir a meta de que o feminismo sexa un, diverso, variado, con todas as cores, pero cunha motivación principal, o inimigo non somos nós, o inimigo chámase Patriarcado, polo que seguiremos nutríndonos de xeito constante todo o ano das voces implicadas nos procesos, nas historias persoais, para poder mudar e denunciar o que funciona mal, o que haxa que corrixir. Polo menos na nosa cidade, aspiramos a ser a voz de todas, por iso facemos asembleas abertas e coloquios onde reforzamos os nosos proxectos e medramos na aprendizaxe colectiva. Seguir mantendo o compromiso cos outros colectivos cos que colaboramos estreitamente e apoiar as causas que nos parecen xustas e importantes, como por exemplo Altri. Tamén queremos traballar en aprender a coidarnos, porque o activismo tal e como o sentimos e o expresamos é moi devastador. Despois de escoitar as historias que nos chegan, é moi difícil conciliar o sono. Síntese moita impotencia cando unha e outra vez se suceden os casos de violencia machista, desgasta e fire profundamente. Por outra banda, imos iniciar no próximo trimestre, unha nova Rolda de Traballos itinerantes, que nos van levar a lugares nos que aínda non chegáramos, e que prometen ser moi interesantes.
Queda moito por facer polo feminismo en Lugo e, en xeral, na sociedade?
Somos conscientes de que queda case todo por facer, mais é certo que cada día somos máis, e máis fortes, chegamos a máis mulleres e homes, porque o feminismo ten que impregnar a sociedade de forma transversal. Botando a ollada atrás puidera parecer que avanzamos nalgunhas cousas, máis as desigualdades estruturais seguen estando presentes en tódolos eidos da sociedade, pois permanecen ancorados nun sistema capitalista e patriarcal. A igualdade é a día de hoxe unha falacia, dicir que avanzamos cando a maioría das mulleres seguemos a traballar gratis máis de dous meses ao ano, debido as diferencias salariais polos mesmos traballos, que acaparamos tódolos traballos de coidados, os máis precarizados, sen estabilidade laboral e infravalorados, non é moi acaído. Compre lembrar os miles de millóns de riqueza que se “aforra” o Estado a costa de que miles de mulleres traballen gratis, permitindo que a carga dos coidados caia sobre nós, que temos que renunciar á nosa formación e a abandonar os nosos traballos total ou parcialmente, na procura da conciliación, para facerse cargo dos dependentes do noso entorno, cando é o Estado o competente para asumir estas cargas, provocando, con todo isto, que ao chegaren á vellez, teñamos as pensións máis pírricas, as máis baixas da escala nacional, por non ter “cotizado o tempo suficiente”. Especial dano fai ver esta mesma situación no mundo rural, resulta demoledor ver que na maioría das casas é a muller a que carece de pensión algunha, despois de toda unha vida de sacrificios e traballos dentro e fóra da casa, unha vez máis, explotadas, maltratadas e invisibilizadas. A resposta, é si, efectivamente, queda todo por facer.
Empeorou a visión do feminismo actualmente debido aos discursos que se escoitan?
Pode ser que a visión do feminismo empeorara debido a que a loita feminista non para de medrar, ocupando cada vez máis espazos, o que loxicamente vai en contra dos partidos e colectivos de ultradereita que non reparan en medios para atacar ao movemento feminista. Cremos que a desinformación e os bulos son o principal problema que temos que abordar. As novas xeracións edúcanse sobre as bases patriarcais, polo que reflicten unha situación que xa ven de antes.
Pode explicar que é o patriarcado?
O patriarcado permea por toda a sociedade, polo que loxicamente afecta a tódolos niveis, social, político, cultural e económico. Este sistema perpetúa un poder e uns privilexios que exercen os homes fronte a outras identidades de xénero, principalmente, sobre as mulleres. É doado entender que, despois de séculos de opresión e de ostentación deste poder dos homes sobre as mulleres, se dean reaccións e se neguen a entender o noso discurso, pero o feito mesmo de que un home poida sentirse “ameazado”, reflicte a comodidade coa que se atopa no sistema Patriarcal. Pedimos que se nos escoite, e que eles mesmos busquen formación e se informen directamente entre as mulleres máis próximas, e escoiten as súas experiencias. Chegará o día en que os homes entendan que o feminismo non vai de quitar dereitos aos homes, senón de conseguir a plena igualdade entre persoas.