Plataforma Ulloa Viva reúnese con Esquerda Unida para falar do proxecto de Altri

LugoXa
Neste percorrido, Zeltia Laya, voceira da Plataforma Ulloa Viva, deu conta dos impactos negativos que a instalación desta macrocelulosa traería para o corazón de Galicia
Plataforma-Ulloa-Viva-Palas-de-Rei
14 Apr 2025

A Plataforma Ulloa Viva mantivo unha reunión con Esquerda Unida co obxectivo de seguir recadando apoios na loita contra o proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei.

Este encontro, no que participaron varios membros de Esquerda Unida, foi un paso máis na mobilización contra un proxecto que se considera unha grave ameaza para o medio ambiente e a calidade de vida na zona.

A reunión comezou nas instalacións de Casa Alongos, onde Concha Casares explicou detalladamente os efectos negativos que o proxecto tería sobre o seu proxecto, cunha historia de máis de 25 anos. Casares afirmou que "o seu proxecto se vería totalmente destruído" se a macrocelulosa se instala en Palas de Rei.

Por outra banda, destacou a necesidade de que, ao coñecer o proxecto, a comunidade se viu obrigada a "converterse á forza en activistas medioambientais".

Durante a xira, a delegación de Esquerda Unida, acompañada polos membros de Ulloa Viva, achegouse á zona da Finca de Quintas, onde Altri ten previsto instalar a gran fábrica de celulosa.

Neste percorrido, Zeltia Laya, voceira da Plataforma Ulloa Viva, deu conta dos impactos negativos que a instalación desta macrocelulosa traería para o corazón de Galicia. Entre os efectos mencionados, destacaron os impactos socioeconómicos, a perda de biodiversidade, a afectación das augas e a contaminación, así como os efectos nocivos sobre a saúde das persoas que viven na contorna, debido aos gases contaminantes emitidos pola propia empresa.

A Plataforma Ulloa Viva tamén explicou o proceso de reivindicacións levado a cabo nas diferentes administracións para frenar o proxecto. Neste contexto, anunciaron a intención de iniciar o proceso administrativo e xudicial pertinente para parar a macrocelulosa.

Braulio Vilariño subliñou a importancia do impacto social que conseguiu a mobilización ata o momento, destacando o apoio da comunidade á loita contra a instalación. Antonio Maíllo, coordinador federal de Esquerda Unida, manifestou a súa rotunda oposición ao proxecto, considerando a instalación da macrocelulosa como un verdadeiro despropósito, e puxo como exemplo outros macroproxectos que se lograron paralizar, como o Almacén de Gas de Doñana.

Pola súa banda, Lino Costas, coordinador de Esquerda Unida, tamén se comprometeu a esixir responsabilidades tanto ao goberno central como á Unión Europea en relación á concesión de fondos para a instalación deste polémico proxecto.

Esta reunión e as accións levadas a cabo por Ulloa Viva e Esquerda Unida subliñan a importancia de continuar a loita para protexer o medio ambiente e as comunidades locais fronte a iniciativas industriais que poden causar danos irreparables.

⚙ Configurar cookies
0.19050788879395