Podemos censura ao Concello de Lugo por bloquear a reforma da Protectora de Animais

LugoXa
A formación acusa ao goberno local de “abandonar aos animais” e reclama a solicitude de subvencións europeas para mellorar as instalacións
ampliacion-protectora-de-Lugo
4 Sep 2025

O Círculo de Podemos Lugo expresou a súa “fonda preocupación” pola decisión do Concello de informar en contra do proxecto de reforma da Protectora de Animais, o que, segundo denuncian, prolongará que centos de cans e gatos sigan vivindo en condicións indignas.

Desde a organización lembran que a Lei de Benestar Animal obriga a garantir instalacións adecuadas e contempla subvencións europeas específicas para este fin. Critican que o goberno municipal “nin sequera solicitou esas axudas”, o que para Podemos evidencia “unha absoluta falta de vontade política”.

A formación tamén cuestiona a postura do executivo local, conformado por PSOE e BNG, ao que acusan de “abandonar aos animais mentres presumen de animalismo nos discursos”. Engaden que existe unha “dobre vara de medir”, xa que noutros casos de incumprimentos urbanísticos graves a administración local actúa con máis flexibilidade, mentres que coa Protectora “non hai diálogo nin vontade de solución”.

Por iso, Podemos Lugo esixe que se retome de inmediato a tramitación da reforma, que se soliciten con urxencia as subvencións europeas previstas pola Lei de Benestar Animal e que se estableza un plan de colaboración real coa Protectora e coas entidades sociais que traballan en defensa dos animais.

“Non podemos seguir permitindo que a burocracia e a inacción política condenen aos animais de Lugo a condicións indignas. É hora de pasar das palabras aos feitos”, conclúen desde a formación morada.

⚙ Configurar cookies
0.21670913696289