Podemos-Esquerda Unida propón a creación dun parque de vivendas de alugueiro no antigo Campo da Feira

LugoXa
Podemos – Esquerda Unida presenta o seu proxecto para o antigo Campo da Feira e propón a creación dun parque de vivendas de alugueiro
podemos esquerda unida
19 Maio 2023

A candidata da Coalición Podemos – Esquerda Unida á Alcaldía de Lugo, Chus Rodríguez, visitou a contorna da actual estación de autobuses, antigo Campo da Feira e presentou o proxecto da coalición para esa zona, nunha mesa informativa na Praza da Horta do Seminario.

Segundo manifestou Rodríguez, “o noso proxecto para os terreos do antigo Campo da Feira, onde actualmente segue enclavada a estación de autobuses, que desaparecerá, unha vez finalizada a obra da nova estación intermodal, pasan por deseñar un intercambiador intermodal de transporte que asuma o transporte de autobuses metropolitanos ou comarcais rurais, o de visitantes, o municipal urbano, o municipal rural e unha parada de taxis”.

Ademais, segundo explica a candidata da coalición de esquerdas, propomos trazar o “Eixo urbanístico das artes musicais, plásticas e escénicas dende o centro cultural do Vello Cárcere ata a rúa Ramón Montenegro, a través da Mosqueira e da praza Mártires de Carral. Eixo que será tamén verde por conectar distintas zonas axardinadas: o xardín de San Roque, a praza Mártires de Carral, a Mosqueira, a Praza da Constitución, os terreos da actual Estación de Autobuses (antigo Campo da Feira)”.

Esa mesma tarde, Chus Rodríguez, xunto con membros da candidatura da Coalición, visitaron as rúas Camiño Real, Ourense, Tuy, Gardas, Pontevedra, Mondoñedo ata o barrio de Residencia e Abella, para dar a coñecer outras propostas do seu programa en materia de urbanismo e vivenda, como a creación dun Parque Municipal de Vivendas en réxime de alugueiro social.

Segundo explica Rodríguez, “trala elaboración do plan de rehabilitación, nos casos precisos, o Concello procederá a mercar vivenda para crear unha bolsa de aluguer municipal que serva para ofrecer unha alternativa habitacional ás persoas con máis dificultades para o seu acceso, o que, ademais, incidirá no propio mercado de aluguer, onde ao haber máis oferta, poderán equilibrarse e rebaixarse os prezos”.

0.12786483764648