Podemos Esquerda Unida reúnese coa asociación Lugo Monumental para valorar a situación do casco histórico
Podemos Esquerda Unida mantivo unha reunión coa asociación Lugo Monumental, dentro da rolda de xuntanzas que esta coalición está a manter nestes meses de cara a "coñecer as demandas, necesidades e suxestións dos distintos colectivos sociais da nosa cidade".
Desde Lugo Monumental centralizan a problemática fundamental que sofren comerciantes, hostaleiros e demais pequenas empresas e autónomos do casco histórico, "na necesaria reforma do PEPRI", a cal, segundo afirma a candidata da coalición de esquerdas, Chus Rodríguez, “nós valoramos que é necesaria, ao igual que a modificación ou elaboración dun novo PXOM, que actualmente, ao igual que o PEPRI, non se axusta ás necesidades da poboación actualmente
residinte na cidade”.
Neste sentido, tanto Lugo Monumental como a candidata, Rodríguez, defenden a necesidade de "apostar pola revitalización do casco histórico, afastándoo do concepto de parque temático, que semella impulsar o actual goberno do Concello". Un dos problemas que carrexa dito barrio é que, para Rodríguez, “o casco histórico ten más dun tercio das vivendas abandonadas, perdeu e perde poboación, e sofre o peche constante de locais comerciais”.
Desde Lugo Monumental, atribúen como un dos motivos deste progresivo peche de negocios e baleiramento do centro histórico, "o elevado custe dos locais comerciais tanto á hora de arrendar como á hora de mercar, polos pequenos comerciantes". A coalición, encabezada por Chus Rodríguez, ven de propor, a creación dunha Oficina de Rehabilitación na nosa cidade, que tería como unha das súas funcións a “elaboración dun censo de vivendas e locais baleiros na cidade, a identificación dos seus propietarios e os motivos da súa situación de inactividade”.
Deste modo, ademais de poder dar impulso así ao necesario “plan de rehabilitación” que propón a formación de esquerdas, segundo Rodríguez, “poderemos crear unha figura de mediación entre o propietario/s e os posibles interesados a beneficiarse do seu uso”, de tal modo que “con esta figura puideran alcanzarse acordos para volver recuperar o funcionamento e ocupación deses locais e vivendas, tanto por negocios como por residentes, o cal é fundamental na actualidade, especialmente no casco histórico, para non deixalo morrer ou abocalo só a un turismo mal entendido, sen verdadeiro retorno económico ou social para o noso Concello”.
Tanto dita asociación como a a coalición coincidiron na necesidade de "recuperar, rehabilitar e dar un uso social a espazos, actualmente baleiros e abandoados, como é o caso do antigo pavillón polideportivo da OJE, do que Podemos Esquerda Unida leva tempo propondo unha negociación cos seus propietarios para poder adquirilo polo Concello e que a poboación lucense poida darlle uso, pois o casco histórico, ademais, adoece dunha importante carencia de espazos para uso deportivo e de lecer".
Ao respecto das obras de peonalización do casco histórico recentemente anunciadas polo goberno municipal, Rodríguez insiste en que a entrada de coches pola Rúa Nova, é unha proposta “desacertada e que, como sempre, fíxose de costas á cidadanía” e volveu incidir que a aposta da formación de esquerdas é coincidente fundamentalmente co proposto por Lugo Monumental: “apostamos, como solución menos daniña, rematar primeiro a peonalización da Rúa Montevideo e desviar o tráfico provisionalmente por San Fernando en doble dirección, en lugar da Rúa Nova”.