Podemos Lugo considera insuficiente o Plan Municipal de Vivenda e presenta alegacións

LugoXa
A formación reclama medidas da lei estatal para frear a especulación e garantir alugueiro social
Podemos-Lugo
24 Oct 2025

Podemos Lugo presentou alegacións ao Plan Municipal de Vivenda elaborado polo Concello, co obxectivo de melloralo e garantir que o dereito a unha vivenda digna sexa real para toda a veciñanza lucense.

A formación considera que o documento presentado polo goberno local é insuficiente e pouco ambicioso, xa que non incorpora medidas clave da Lei estatal polo Dereito á Vivenda (Lei 12/2023), impulsada polo Goberno de coalición progresista, que permitirían regular os prezos do alugueiro e frear a especulación inmobiliaria.

“Lugo precisa aplicar as ferramentas da lei estatal e declararse zona tensionada. Non podemos seguir mirando cara outro lado mentres os prezos soben un 10% anual e máis de 1.600 persoas agardan unha vivenda”, afirmou Ximena Cheda, voceira de Podemos Lugo.

Entre as principais propostas da formación destacan solicitar á Xunta a declaración de Lugo como “zona tensionada”, crear unha Oficina Municipal do Dereito á Vivenda, garantir que polo menos o 50% das vivendas municipais ou rehabilitadas sexan de alugueiro social, aplicar o recargo máximo do 150% do IBI a grandes propietarios con vivendas baleiras e reforzar a participación cidadá e a transparencia na comisión de seguimento do plan.

Podemos Lugo subliña que a vivenda é un dereito e non unha mercancía, e que é preciso construír un plan de vivenda pública e social que dea resposta ás familias, á mocidade e ás persoas maiores que non poden acceder a un fogar digno.

⚙ Configurar cookies
0.080496072769165