Podemos Lugo impulsa un requirimento para garantir os dereitos das persoas trans e non binarias

LugoXa
A formación denuncia a falta de políticas específicas na cidade e propón medidas en servizos públicos, emprego e loita contra a discriminación
Podemos-Lugo
24 Mar 2026

Podemos Lugo rexistrou no Concello un requirimento formal para impulsar políticas públicas que garanten os dereitos das persoas trans no municipio e promovan o recoñecemento das identidades non binarias.

A iniciativa foi presentada por Ximena Cheda Tuya, voceira municipal da formación e secretaria de Feminismos e LGTBIQA+ de Podemos Galicia, no marco da mobilización nacional pola visibilidade trans que terá lugar o 29 de marzo en Santiago de Compostela.

Segundo sinalan desde a formación, “Lugo non conta cunha estratexia municipal clara para garantir os dereitos das persoas trans, a pesar das obrigas que establece a Lei Trans estatal”. Ademais, destacan que o recoñecemento das identidades non binarias é clave: “Hai persoas que seguen sen existir legalmente para as institucións. Iso tamén é discriminación”, explicou Cheda.

O requirimento contempla que o Concello inste ao Goberno do Estado a avanzar no recoñecemento legal das persoas non binarias e que se adapten formularios e políticas municipais para incluír esta realidade. Podemos Lugo sinala tamén déficits nos servizos públicos locais, subliñando que a falta de recursos en ámbitos como a Casa da Muller non debe reproducirse na atención ás persoas trans.

O documento propón medidas concretas como a formación do persoal municipal, a creación de canles de denuncia de LGTBIfobia, programas de inserción laboral e campañas de sensibilización. “Non estamos ante un debate ideolóxico, estamos ante dereitos humanos. As institucións teñen a obriga de actuar”, afirmou Cheda.

Por último, Podemos Lugo fai un chamamento aos grupos municipais para que se posicionen con claridade e advirten de que farán un seguimento das respostas do Concello á súa iniciativa.

0.12354683876038