Podemos Lugo presenta un requirimento no Concello en defensa da sanidade pública galega

Podemos Lugo vén de rexistrar no Concello de Lugo un Requirimento en defensa da sanidade pública galega a proposta da plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, co obxectivo de denunciar o deterioro progresivo do sistema sanitario público e o avance da súa privatización como consecuencia das políticas desenvolvidas pola Xunta de Galicia.
Desde a formación morada advirten de que a sanidade pública galega atravesa unha situación crítica, especialmente no ámbito da Atención Primaria, onde se están a producir crecientes dificultades de acceso, un aumento constante das listas de agarda e unha derivación sistemática de pacientes a centros privados financiados con fondos públicos. Segundo sinalan, esta dinámica non só debilita o sistema público, senón que tamén contribúe a incrementar a desigualdade social e territorial.
Podemos Lugo denuncia que o SERGAS está a desviar recursos millonarios cara á sanidade privada mentres se deterioran servizos públicos esenciais, unha situación que afecta de maneira especial á infancia, ás persoas maiores, ás persoas con enfermidades crónicas e ás mulleres embarazadas. Neste contexto, a voceira de Podemos Lugo, Ximena Cheda, subliña que “o colapso da sanidade pública non é un erro nin unha casualidade: é unha estratexia. Non falta diñeiro, sobra corrupción e desprezo polos dereitos da cidadanía”.
A través deste Requirimento, Podemos Lugo insta ao Concello a trasladar á Xunta de Galicia o seu rexeitamento ás actuais políticas sanitarias e a manifestar o compromiso da cidade coa defensa dunha sanidade pública, universal e de calidade. Ademais, a formación expresa o seu apoio á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 1 de febreiro de 2026, ás 12:00 horas, desde a Alameda, e anima á cidadanía lucense a sumarse a esta mobilización en defensa da sanidade pública.