Podemos Lugo presenta unha proposta para reforzar a defensa dos dereitos das mulleres

LugoXa
O círculo de Podemos de Lugo rexistrou no Concello unha proposta de moción ao pleno municipal, con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres.
ximena_cheda
7 Mar 2024

O círculo de Podemos de Lugo rexistrou no Concello unha proposta de moción ao pleno municipal, con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres. O obxectivo desta moción, sinala Ximena Cheda, é “sinalar e reclamar o importante papel e a responsabilidade que teñen as administracións como os Concellos para executar políticas de igualdade e en defensa dos dereitos das mulleres”. A través dela tamén se pretende avaliar as actuacións para o cumprimento de todas as leis en materia de igualdade de xénero que se aprobaron desde o Ministerio de Igualdade dirixido por Irene Montero, e que “supuxeron o maior avance en dereitos para as mulleres”.

A voceira de Podemos Lugo, igualmente, fai un chamamento a apoiar e participar nos actos e accións que desenvolvan as asociacións feministas o 8 de marzo no Día Internacional das Mulleres. No documento da moción detállanse propostas para avaliar a situación das mulleres no municipio en situación de risco de violencia de xénero con fin de reforzar as actuacións que garantan a súa protección e atención; así mesmo reclamamos que se reforcen as actuacións con menores en contexto de violencia de xénero.

Entre as propostas, tamén se sinala que a corporación municipal avalíe o desenvolvemento nas entidades locais e autonómicas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero tras o acordo de prorrogación e mellora do seu financiamento alcanzado durante a conferencia sectorial celebrada o 22 de xullo de 2022 en Tenerife e o uso dos fondos do exercicio 2023, así como o seguimento da Estratexia Estatal para combater as Violencias Machistas 2022-2025 deseñada pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero e aprobada polo Goberno o 22 de novembro de 2022.

Igualdade, eixe da política municipal

Tamén consideran necesario que o Concello faga unha análise sobre as desigualdades de xénero existentes e impulse plans de igualdade que obriguen a implementar este principio en todas as políticas municipais, así como en todas as empresas locais. Garantir, ademais, que estes plans contan con suficientes recursos humanos e materiais e realizar informes de impacto de xénero das propostas recollidas para así facer as correccións necesarias e evitar aumentar os desequilibrios existentes.

Por outra parte, demandan que a corporación facilite a correcta implementación da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual para colocar o consentimento no centro e inste a entendela como unha norma fundamental en materia de educación sexual para a efectividade dunha posible lei para protexer aos menores do porno na internet. No referente ás persoas trans e LGTBI, segundo a formación política precísase que dende o Goberno local se facilite a correcta implementación da lei trans e LGTBI que protexerá o dereito para ser de todas as mulleres e poña fin á violencia contra unha parte delas pola súa identidade de xénero.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18114614486694