Podemos Lugo propón ao Concello medidas contra o racismo e os discursos de odio

O Círculo de Podemos Lugo, a través do seu responsable de Organización, Fernando Otero, presentou un requirimento dirixido ao Concello de Lugo no que insta á corporación municipal a posicionarse contra os discursos de odio e as agresións de carácter xenófobo promovidas desde sectores da extrema dereita, e a impulsar políticas que garantan un municipio libre de racismo.
Esta iniciativa chega tras os episodios de violencia racista rexistrados recentemente no municipio murciano de Torrepacheco, que desde Podemos Lugo cualifican como "feitos lamentables" e condenan de forma contundente. Segundo sinala o partido, estes actos evidencian a necesidade de que as institucións locais adopten medidas firmes para fomentar a igualdade e a tolerancia.
O documento presentado ante o Concello recolle dez propostas que se someten á consideración do Pleno municipal. Entre elas, destaca o compromiso coa defensa dos dereitos humanos, a promoción da convivencia intercultural e a igualdade efectiva entre todas as persoas residentes en Lugo, independentemente da súa orixe, cor de pel ou crenzas relixiosas.
Desde Podemos Lugo subliñan que é fundamental que os concellos se convertan en espazos de convivencia seguros, onde se combata calquera tipo de discriminación e se promovan valores de respecto e inclusión.