Podemos Lugo reclama ao Concello máis accións contra a violencia machista

O Círculo de Podemos Lugo presentou ao Concello un requerimento formal con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que insta ao goberno municipal a reforzar as políticas de igualdade e a resposta institucional fronte ás violencias machistas. A formación alerta ademais do crecemento dos discursos negacionistas e antifeministas que, segundo sinala, están a penetrar no debate público.
A voceira do Círculo de Podemos Lugo e secretaria de Feminismos de Podemos Galicia, Ximena Cheda, subliñou que o 25N “é un día de memoria, de denuncia e de responsabilidade institucional”. Engadiu que “non se pode permitir que se banalice a violencia machista nin que se cuestionen dereitos conquistados tras décadas de loita feminista”.
O documento presentado ao Pleno lembra que Galicia conta actualmente con 4.600 casos activos baixo seguimento policial por violencia de xénero, mentres no Estado se superan os 105.000. No primeiro semestre de 2025 foron asasinadas 30 mulleres, tres delas en Galicia. “Estes datos non son números, son vidas, familias destruídas. Obrigan a todas as administracións a actuar con firmeza, tamén no ámbito local”, afirmou Cheda.
A formación destacou tamén a necesidade de reforzar a resposta ante a violencia dixital, a violencia vicaria, a trata con fins de explotación sexual e a precariedade das profesionais que traballan na atención ás vítimas. “Non pode haber loita contra a violencia machista se quen atende ás vítimas vive na precariedade. A igualdade non se constrúe con contratos inestables nin con servizos debilitados”, engadiu a voceira.
Entre as medidas propostas ao Concello de Lugo inclúense o rexeitamento público da violencia machista e dos discursos de odio que a minimizan, a organización de actividades ao longo de novembro en colaboración co movemento feminista e co tecido educativo e cultural, o aumento de recursos municipais para a prevención e a atención integral, a avaliación anual do uso dos fondos do Pacto de Estado e da Estratexia Galega 2023–2027, así como o reforzo da coordinación cos CIM e entidades sociais. O documento tamén solicita a implantación e difusión dos Puntos Violeta, protocolos fronte á violencia vicaria e dixital, o impulso da educación afectivo-sexual, medidas contra a violencia obstétrica, a trata e a violencia económica, e a visibilización de todos os feminicidios.
Ximena Cheda concluíu que o 25N debe ser unha data de acción e compromiso real. “O antifeminismo non é unha opinión, é unha ofensiva política que busca devolvernos á subordinación e recortar dereitos. Defender os dereitos das mulleres é defender a democracia. Lugo non pode permanecer inmóbil”, afirmou.