Podemos Lugo reclama ao Concello máis medidas contra a bifobia polo Día da Bisexualidade

Con motivo do 23 de setembro, Día Internacional da Bisexualidade, Podemos Lugo, a través da Secretaría de LGTBIQA+ de Podemos Galicia, presentou un requirimento no Concello de Lugo para reforzar a defensa dos dereitos das persoas bisexuais e combater a bifobia, unha das formas de discriminación máis invisibilizadas dentro e fóra do colectivo LGTBIQA+.
No documento presentado recórdase que, a pesar da existencia da Lei galega 2/2014 e da Lei estatal 4/2023, ambas seguen sen aplicarse de maneira real e efectiva, deixando ás persoas bisexuais sen recursos nin programas específicos que fagan fronte á discriminación múltiple que padecen en ámbitos como o laboral, educativo, sanitario e cultural.
O texto achega datos preocupantes: máis do 40% das persoas bisexuais recoñecen ter sufrido bifobia no propio colectivo LGTBIQA+, unha de cada tres oculta a súa orientación no traballo por medo á discriminación e a mocidade continúa a ser cuestionada con estereotipos que reducen a súa identidade a “unha fase”.
Entre as peticións dirixidas ao Concello figuran a reclamación da aplicación inmediata da Lei galega 2/2014 con protocolos específicos para persoas bisexuais, a esixencia dunha execución real da Lei estatal 4/2023 con orzamentos suficientes, o apoio á educación en diversidade en todos os niveis, a garantía de visibilidade institucional e mediática do Día da Bisexualidade e a recollida de datos específicos sobre esta realidade en Galicia. Como novidade, o partido comprométese a esixir á Xunta de Galicia o cumprimento efectivo da normativa autonómica, coa posta en marcha urxente dos mecanismos legais e administrativos que aseguren dereitos.
Con esta acción, Podemos Lugo reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa diversidade, colocando a defensa da bisexualidade como parte esencial da loita polos dereitos LGTBIQA+ en Galicia.