Podemos Lugo reclama un compromiso firme contra as violencias machistas no 8M

LugoXa
A formación alerta da falta de profesionais na Casa da Muller e propón reforzar recursos municipais e medidas contra a violencia dixital
Podemos-Lugo
25 Feb 2026

Podemos Lugo presentou no Concello un requirimento institucional con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres, no que chama ao goberno local a asumir un compromiso real na loita contra as violencias machistas e pola igualdade efectiva. A iniciativa, promovida por Ximena Cheda Tuya, portavoz do Círculo e secretaria de Feminismos de Podemos Galicia, subliña a situación específica das mulleres en Lugo e a necesidade de fortalecer os recursos públicos destinados á súa protección.

Un dos eixos principais céntrase na Casa da Muller, o servizo municipal de atención a mulleres en situacións de violencia e desigualdade. Ao longo de 2023, este recurso atendeu polo menos unhas 1 000 consultas xurídicas, sociais e psicolóxicas, converténdose nun espazo esencial para o apoio integral. Con todo, desde agosto de 2025 a Casa da Muller permanece sen praza de psicólogo nin avogado especializado, pese a tratar casos de gran complexidade e vulnerabilidade, situación que partidos da oposición e colectivos sociais cualifican de falta de previsión que afecta directamente á calidade do servizo.

“Que un recurso fundamental como a Casa da Muller quede sen atención psicolóxica especializada non é algo menor. É unha falta de compromiso real coas mulleres de Lugo. A protección non pode depender de baixas sen cubrir ou de decisións administrativas”, subliñou Cheda.

A nota tamén fai fincapé na violencia dixital e na intelixencia artificial, alertando do aumento de agresións tecnolóxicas contra mulleres mediante redes sociais e ferramentas dixitais sen regulación nin perspectiva de xénero. “Estamos a ver imaxes manipuladas, vídeos falsos e campañas de acoso que usan a tecnoloxía para atacar e silenciar ás mulleres. Se non se actúa con normativa feminista e responsabilidade política, estas agresións multiplicaranse”, advertiu a portavoz.

Entre as propostas, Podemos Lugo apunta á consolidación dos Puntos Violeta nos eventos, ao apoio ás asociacións feministas da cidade, á promoción de políticas públicas de coidados e igualdade, e á petición á Xunta de Galicia e ao Parlamento galego para reforzar recursos como os CIM. “Non queremos políticas de escaparate. Queremos políticas que protexan, que garantan atención integral e igualdade de acceso en toda a cidade e a provincia”, concluíu Cheda.

0.12964797019958