Podemos Lugo reclama un maior compromiso do Concello coa igualdade no 8M

LugoXa
Ximena Cheda denunciou que o Concello de Lugo aínda non forme parte do sistema VioGén, ferramenta fundamental para a protección das vítimas de violencia machista
Podemos-Lugo
7 Mar 2025

No marco do Día Internacional das Mulleres (8M), Podemos Lugo, a través da súa voceira municipal e secretaria de feminismos de Podemos Galicia, Ximena Cheda, presentou un requerimento ao Pleno do Concello de Lugo con medidas concretas para reforzar a loita contra a violencia de xénero e avanzar cara á igualdade.

Ximena Cheda destacou a responsabilidade dos Concellos na defensa do feminismo e na loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres. Neste sentido, denunciou que o Concello de Lugo aínda non forme parte do sistema VioGén, ferramenta fundamental para a protección das vítimas de violencia machista.

O requerimento presentado inclúe un total de 20 acordos clave para fortalecer as políticas de igualdade e erradicación da violencia de xénero.

Entre as medidas propostas destacan a organización de actividades municipais de sensibilización durante todo o mes de marzo, a avaliación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e dos fondos destinados a este fin, o reforzo da formación en violencias machistas para o persoal sanitario, xudicial e de seguridade, o impulso dun plan de modernización contra a violencia vicaria e apoio ás crianzas vítimas de violencia de xénero, a garantía de acceso á interrupción voluntaria do embarazo e adopción de medidas contra o acoso nas clínicas, e a implementación efectiva da Lei de Liberdade Sexual e da Lei Trans e LGTBI.

Ademais, Podemos Lugo fai fincapé na importancia de desenvolver políticas de corresponsabilidade nos coidados, combater a precariedade laboral e loitar contra o racismo estrutural.

⚙ Configurar cookies
0.078847169876099