Pol acolle este sábado a XXXIX edición da Festa ó Emigrante

Pol
LugoXa | TerraChaXa
O Concello instalará como todos os anos unha carpa con capacidade para 1.800 persoas
festa-emigrante-pol-2
23 Ago 2024

Pol celebrará este sábado, 24 de agosto, unha nova edición da Festa ó Emigrante, que ademais este ano coincidirá en sábado e á que poderán sumarse os veciños e visitantes que o desexen, e que se darán cita na carballeira de Mosteiro para desfrutar do xantar.

O Concello instalará como todos os anos unha carpa con capacidade para 1.800 persoas, para xantar no seu interior e gozar do ambiente festivo que haberá na carballeira. Ademais, os grupos tamén participan coas merendas no exterior da carpa e de feito, contarán tamén con diferentes postos de comida.

Nesta edición, a xornada dará comezo ás 13:00, coa misa, para dar paso ao pregón, que estará a cargo finalmente de José Antonio Fernández López, mestre nacional, diplomado en psicoloxía e licenciado en inglés, natural da parroquia de Silva. Media hora máis tarde procederase ao descubrimento da placa conmemorativa do XXXIX Aniversario da Festa ó Emigrante no Concello de Pol.

Ás 14:15 comezará a sesión vermú amenizada pola orquestra Son de Festa e ás 15:00 terá lugar o xantar popular.

A música continuará pola noite, a partir das 23:00, coa verbena, que estará amenizada de novo por Son de Festa, ao que se unirá tamén Capitol. Como todos os anos, a comida estará aberta a toda a poboación.

Pola tarde tamén está previsto un partido de fútbo. Ás 18:00h, a SD Pol, xa en Preferente, enfrontarase á SD Sarriana nun partido amigable cheo de emoción

festa o emigrante pol
0.20048308372498