Pol renovará todo o alumeado do Concello cunha subvención do IDAE

Pol
TerraChaXa | LugoXa
Pol acometerá neste ano o cambio de todas as luminarias do alumeado público municipal nunha aposta clara "pola eficiencia enerxética".
led lampada rua
17 Xan 2022

O Concello de Pol acometerá neste ano que comeza o cambio de todas as luminarias do alumeado público municipal nunha aposta clara "polo aforro e a eficiencia enerxética". Segundo anunciou o alcalde, Lino Rodríguez Ónega, o goberno municipal destinará a esta operación 839.247,77 euros nun extenso proxecto que supón a substitución dun total de 1.701 lámpadas por novas luminarias led de baixo consumo.

O contrato desta actuación foi adxudicado o pasado mes de outubro á empresa Manuel Novoa Castro SL, de Monterroso, nun concurso público ao que se presentaron un total de cinco firmas.

O orzamento desta actuación será financiado nun 80% polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que aporta 671.398,21 euros mentres que as arcas municipais achegarán o 20% restante, o que supón 167.849,56 euros.

Os traballos de cambio de lámpadas iniciaranse na capitalidade municipal, Mosteiro, para continuar por todas as parroquias e barrios "ata deixar iluminado o 100% do concello", indica o alcalde.

O sistema de iluminación pública de Pol atopábase moi antiguado, con máis de 30 anos de uso e daba problemas nalgunhas zonas polo que se viron na necesidade de modernizalo. "Agora, en vez de fotocélulas farase a través dun reloxo astronómico", di, e avanza que todas as luminarias serán da mesma cor e acenderán e apagarán ao mesmo tempo aínda que o horario está por determinar. Serán de 35 vatios no medio rural e de 60 no centro de Mosteiro, onde hai rúas anchas ou pasos de peóns. O proxecto inclúe renovar todos os centros de mando.

Co cambio de luminarias o Concello pretende aforrar o 70% do consumo para poder rebaixar a factura dos  20.000 euros.

Rodríguez Ónega aclarou que non  hai luminarias enganchadas nas casas e que só falta iluminación nalgunhas ganderías novas, "pero todo o mundo ten luminarias ao pé da casa e das granxas".

0.21588277816772