Polémica no Concello de Lugo a conta das sombrillas do CEI-Nodus
Nada facía sospeitar no Concello de Lugo que as sombrillas que tiñan previsto adquirir para a zona axardinada do CEI-Nodus ían a dar para tanto. Consignouse unha partida para ese fin, pero o material non está na ubicación prevista. De feito, nunca se chegou a mercar. E, nese punto, desatouse a polémica...
O Partido Popular pedía, o xoves en rolda de prensa, explicacións ao goberno local sobre o paradoiro dese mobiliario xa que as facturas, din, figuran na listaxe de contratos menores asinados polo Concello lucense o ano pasado. Ao remate da comparecencia dos populares irrumpía en escea, e por sorpresa, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, quen negaba ao voceiro dos populares, Ramón Carballo, e aseguraba que eses fondos se destinaron finalmente a outros fins dado que "as prioridades cambiaron" por mor da situación sanitaria.
Fontes do goberno local confirman que, efectivamente, había unha partida de preto de 6.400 euros consignada para a adquisición das sombrillas con cargo ao capítulo 6 dos orzamentos municipais, o dos Investimentos Reais, pero que finalmente se desconsignou e "mediante unha operación reglada e legal" se empregaron os fondos para outros fins. Uns 4.000 euros destinaríanse á campaña para promover as compras no comercio local durante o Nadal, e os 2.000 euros restantes -"cumprindo a esixencia de volver a adicalos a investimentos"- destináronse a mercar equipamento informático e equipos de control para os bombeiros.
ACUSACIÓNS DE FALSIDADE DOCUMENTAL
Así as cousas, o PP acusa agora ao goberno local de "falsidade de documento público" e de facer desvíos de partidas "que logo non reflicten na listaxe de contratos menores que teñen que publicar no portal de transparencia". Por iso, solicitarán ao interventor e o secretario un informe para determinar "se os datos que se publican no Portal de Transparencia se corresponden coa realidade".
Para os populares, é de "extrema gravidade o que está sucedendo" en Lugo e sospeitan que "podería haber outras partidas na mesma situación". O PP lembra como a lei de contratos recolle a obriga de publicar todas as modificacións que se fagan, engadindo que “todo apunta a que colgaron no portal de transparencia unha listaxe para sair ao paso, logo de que a Valedora do Pobo os obrigase a dar este paso”.
O GOBERNO LOCAL DEFÉNDESE
O goberno local saíu en resposta destas acusacións, asegurando que toda actividade contractual do Concello de Lugo "recibe cumprida supervisión e fiscalización polos órganos competentes" tanto da Tesoureiría como da Intervención. Deste xeito, din, todas as operacións de consignacións ou desconsignacións de determinadas partidas, así como todas as licitacións públicas, "lévanse a cabo baixo criterios técnicos contando con absolutamente todas as garantías e baixo a máis estrita legalidade".
De ter algunha sospeita de que algún procedemento non respecta isto, "quen así o detecte ten a obriga de poñelo en coñecemento do xulgado" para que se proceda á súa investigación.