Polémica pola aprobación dos orzamentos de Outeiro de Rei, que ascenden a 7,5 millóns

TerraChaXa | LugoXa
O Pleno do Concello de Outeiro de Rei aprobou os orzamentos para este ano nunha convocatoria extraordinaria critcada polo BNG.
Casa_do_Concello_de_Outeiro_de_Rei
30 Xul 2022

O Pleno do Concello de Outeiro de Rei aprobou os orzamentos para este ano nunha convocatoria extraordinaria. O proxecto contou cos votos a favor unicamente do equipo de goberno (9 concelleiros) pero os catro da oposición (1 do PSOE e 3 do BNG) votaron en contra.

Os orzamentos ascenden a 7,5 millóns de euros, dos cales 3,2 millóns irán para investimentos. Nesta partida destacan o 1,5 millóns que irán para a urbanización da Palloza.  Ademais, destaca o capítulo de gastos de persoal, que ascende a 1,2 millóns e os correntes a 2,8.

O BNG de Outeiro votou en contra do proxecto de orzamentos presentados polo alcalde alegando que  estes orzamentos "preséntanse a destempo, pois carece de sentido aprobar uns orzamentos cando xa pasou máis da metade do ano e xa estarían comprometidas todas as partidas económicas ou non habería tempo a executar outras novas, o que imposibilita calquera proposta por parte da oposición".

Ademais disto, asegura que unha vez máis as contas están terxiversadas, "pois leva 15 anos inflando os números ao incluír 1.500.000 € como investimento na urbanización da Palloza sen que nunca investira nin un céntimo. Por se isto fora pouco, detectamos partidas que non coinciden, o que indica que se reservan cartos para cuestións que non figuran no proxecto de orzamentos, o que indica unha intención clara de ocultar estas actuacións".

Aseguran que os orzamentos son completamente continuístas, "o que indica que unha vez máis o concello non vai dispoñer de recursos propios para facer fronte ao gasto corrente. Neste momento a débeda de xestión xa está no 1.200.000 €, tendo que pedir un crédito por esta cantidade para cubrila e, con este proxecto, esta débeda non fará máis que aumentar. Neste momento Outeiro é o segundo concello máis endebedado da provincia e con estes orzamentos, rapidamente pasaremos a ser o primeiro. Non se pode consentir que o concello se siga endebedando para poder pagar as facturas do día a día”, manifestou o voceiro do BNG no Pleno.

"Neste proxecto de orzamentos non hai nin un euro de recursos propios para investimentos reais, sendo a metade ficticios nas obras da Palloza que nunca se realizan e a outra metade dos que se propoñen están pendentes de subvencións deterministas doutras administracións", engaden.

ENMENDA

O BNG presentou dúas emendas para que se destinaran 150.000 € de gastos superfluos e prescindibles que ten o concello para facer un estudo das posibilidades técnicas, custes, priorización e temporización para levar o servizo de saneamento aos núcleos rurais do concello. Tamén se propón elaborar o proxecto e empezar as obras deste servizo de saneamento nos núcleos de Martul e Mosteiro, polo grave problema que teñen xa neste momento nestes dous lugares.

O BNG propón que os cartos que se gastan nas reunión “inventadas polo alcalde co obxectivo de pagar dietas aos seus concelleiros, os cartos que o alcalde reparte como gratificacións discrecionais, así como as cantidades ocultas dos orzamentos", se invistan neste servizo.

SECRETARIO

O BNG elevou unha queixa xa que o pleno de orzamentos, "o máis importante do ano", celebrouse sen a presencia do Secretario Xeral, "cuestión que legalmente é imprescindible". Este foi substituído polo fillo do alcalde, un funcionario do grupo A1.

Para o BNG isto fai que o Pleno non estea legalmente constituído, co que calquera acordo que se tome sería nulo de pleno dereito se alguén o recorre. A lei contempla que por causa de forza maior, que non é o caso, se poida nomear un Secretario Accidental, pero isto ten que facelo a Comunidade Autónoma e sempre entre os funcionarios do grupo A1 cos coñecementos necesarios. "Este en ningún caso ocorre co fillo do alcalde, o cal segundo o propio anexo de persoal que vai nos orzamentos e funcionario do grupo C1, carecendo tamén da titulación universitaria esixida para poder desempeñar tal función", din.

“O señor alcalde ten que aprender que o concello non é a súa finca privada e non pode facer o que lle dea a gana. É a forma de actuar á que nos ten xa acostumados o señor Pardo”, dixo o concelleiro do BNG.

0.17344212532043