Os usuarios do centro de saúde de Doiras terán que desprazarse ao de San Román, en Cervantes

LugoXa
Dende o BNG lamentan o peche do consultorio de Doiras, pois quedan desatendidos a 238 veciños da alta montaña de Lugo que deben desprazarse a San Román
doctor-medico-medicina-snaidade-3
Imaxe de arquivo
27 Xuño 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou no Parlamento de Galicia a posta en marcha dun Plan de atención á cronicidade con asistencia a domicilio no concello de Cervantes. Gómez Caamaño puxo en valor a proactividade da Xunta á hora de levar os coidados ata os domicilios dos pacientes, unha medida que incrementa dun xeito significativo o benestar dos pacientes e coa que ademais se reforza o papel do persoal de enfermería no labor asistencial.

Explicou, ademais, os veciños de Doiras terán totalmente garantida a asistencia durante este verán pois, desde o luns 1 de xullo, un facultativo e unha enfermeira prestarán os seus servizos no centro de saúde de San Román. Unha decisión que lamentan dende o BNG pois ao pechar o consultorio de Doiras, quedan desatendidos a 238 veciños da alta montaña de Lugo, que a partir de xullo terán que desprazarse até o centro de saúde de San Román, tamén no Concello de Cervantes, para poder recibir consulta médica.

“É triste, lamentable e vergoñento, e ímolo parar pola vía que sexa e, se hai que mobilizarse, mobilizarémonos”, concluíu Rodil tras escoitar ao titular de Sanidade que, ante a pregunta explícita de se se vai pechar o consultorio -no que quedou vacante a praza de médico- asegurou que se mantería o servizo de enfermería só até finais de mes e que a partir de xullo “terán atención no Concello de Cervantes, no centro de saúde de San Román”.

A deputada nacionalista confesou estar “máis preocupada” despois de escoitar ao conselleiro, porque “deixa aos pés dos cabalos” a eses 238 veciños da alta montaña, que  se verán obrigados a percorrer vinte quilómetros –“que non son en liña recta”- para recibir atención médica.   Unha situación que se agrava polo feito de que os afectados e as afectadas son en gran parte persoas con máis de 65 anos que carecen de transporte público.

0.19978713989258