Ponse ao cobro o imposto de circulación

LugoXa
O Concello de Lugo, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal, comezou a xirar dende onte o recibo do imposto de circulación.
impuesto vehiculos traccion mecanica
21 Ago 2021

O Concello de Lugo, coincidindo coas datas establecidas no calendario fiscal, comezou a xirar dende onte, 20 de agosto, o recibo do imposto de circulación.

No servizo de Facenda Local figuran matriculados un total de 72.237 vehículos que tributan ás arcas municipais 5.756.180 euros, o que o converte no segundo imposto municipal máis cuantioso, logo do IBI.

O período voluntario para proceder ao seu abono remata o 20 de outubro e a cidadanía pode informarse das bonificacións existentes que rebaixan considerablemente a cota do gravame, entre outros, aos automóbiles menos contaminantes.

As persoas propietarias de turismos híbridos ou aqueles que empreguen un combustible de baixa incidencia para o medio ambiente (motor eléctrico e/ou emisións nulas, biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol, hidróxeno, gasolina-gas, eléctrico-gasolina, etc) poden solicitar e desfrutar durante tres anos, dun desconto de até o 75% na cota da rodaxe.

Conxuntamente, tramítase nestas mesmas datas o cobro dos 4.026 vaos existentes na cidade, que suman un importe de 783.887 euros.

O Concello lembra á poboación que poden domiciliar os seus recibos dende a sede electrónica municipal (www.lugo.gal).

Para que a domiciliación surta efecto, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago polo que, en caso de facerse agora, tería aplicación para o vindeira etapa impositiva.

A área de Tesourería do Concello de Lugo emite ao ano un total de 455.834 recibos de taxas e tributos locais e o 80’29% se xira xa a través do banco.

0.16000199317932