Ponse en marcha un novo proxecto da Fundación Breogán en favor da integración social

LugoXa
Matumaini está dirixido a mozos solicitantes de asilo que adestrarán os venres pola tarde nas instalacións do CEIP Anexa
proxecto-fundacion-breogan-asilo
17 Jan 2025

Presentouse o proxecto Matumaini, unha iniciativa impulsada pola Fundación Breogán que emprega o baloncesto como ferramenta para promover a integración social e reducir desigualdades.

Matumaini, que significa “esperanza” en suahili, está dirixido a mozos solicitantes de asilo que adestrarán os venres pola tarde nas instalacións do CEIP Anexa. Este proxecto, que complementa a vertente social do Proxecto Cris Seijo centrado no baloncesto feminino, amplía agora o seu alcance para incluír tamén aos rapaces.

No acto, celebrado no Pazo Provincial dos Deportes, estiveron presentes Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta de Galicia; Jorge Bustos Atanasio, concelleiro de Deportes do Concello de Lugo; Francisco Fraga, vicerreitor da USC; Samuel del Árbol, coordinador xeral de Diaconía España; Iago Corral, director do CEIP Anexa; e Luis Abelleira, presidente provincial de Cruz Vermella Lugo. Tamén asistiron Luis Abel Taboada, director da Fundación Breogán; o capitán do Club Baloncesto Breogán, Erik Quintela; e o monitor da actividade, Aitor Melide.

A directora da UNED de Lugo, Ana Belén Traseira Pena, destacou que a participación da institución nesta iniciativa reflicte o seu firme compromiso coa inclusión social e cos valores dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente na redución das desigualdades. Subliñou ademais a importancia de colaborar en proxectos que integren educación e deporte como vías para construír unha sociedade máis equitativa e cohesionada.

A UNED de Lugo reafirma así o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e o desenvolvemento de iniciativas que impacten positivamente na comunidade, consolidándose como unha institución activa en proxectos que fomentan a inclusión e o desenvolvemento sostible.

0.16968703269958