Ponse en marcha unha nova edición do concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentou unha nova edición do concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo, organizado anualmente polo Goberno de Lugo.
Cristina López destacou que "este concurso é xa unha cita marcada no calendario das fotógrafas e fotógrafos de Lugo e na programación anual do cemiterio".
O X Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo terá lugar do 15 ao 30 de novembro, e esta edición versará sobre a simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. Premiaranse tres fotografías, con 600, 400 e 200 euros cada unha.
Nesta ocasión limítase ao ámbito xeográfico do Concello de Lugo, abranguendo tanto o cemiterio municipal de San Froilán como os cemiterios parroquias existentes.
Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías inéditas e orixinais para este evento, non podendo estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria, e cada fotografía achegarase impresa en soporte ríxido (cartón pluma ou similar) en formato 30 x 40 cm ou superficie equivalente aproximadamente. Cada fotografía irá acompañada do seu arquivo dixital.