Ponse en valor a riqueza forestal de Cervantes para desenvolver proxectos
Os veciños e veciñas de Cervantes foron informados da posibilidade de que se desenvolvan proxectos de recuperación de terras, e así coñecer a súa riqueza forestal.
Así, en primeiro lugar, avaliaronse con propietarios de terreos agroforestais o seu potencial para o desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo, dentro das posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ademais, trasladáronse aos veciños as características e vantaxes desta figura, coa que se pretende fomentar a actividade agrogandeira e forestal na contorna dos núcleos de poboación e, ao tempo, anticiparse aos incendios forestais mediante unha adecuada e sostible xestión da biomasa.
Montes de varas
Por outra banda, a presenza en Cervantes do director xeral de Planificación Forestal tivo como obxectivo avaliar o potencial dos montes de varas deste concello, lembrando que se está a tramitar un decreto para o desenvolvemento normativo deste tipo de terreos forestais, co fin último de fomentar a súa recuperación e xestión activa. Isto farase sempre respectando o marco legal vixente e apoiándose nas diferentes liñas de axudas abertas.
Neste sentido, cómpre salientar que este municipio lugués ten identificados ata oito terreos destas características, que suman unha superficie de máis de 2.700 hectáreas. Esta extensión, destacaron, representa case o 30% da superficie ocupada por este tipo de terreos forestais no conxunto de Galicia. Na nosa comunidade hai constancia de 42 montes de varas, cunha superficie total de preto de 10.000 hectáreas. A maioría deles (39) están situados na provincia de Lugo e en concreto no distrito forestal de Fonsagrada-Os Ancares (33 montes de varas).