Ponte de Outeiro recupera a festa na honra a Corpus Christi tras máis de 35 anos

LugoXa | TerraChaXa
Un dos momentos máis destacados da festa chegará ás 20:00 horas coa degustación de dous xamóns de porco celta
festa-da-xuventude-ponte-de-outeiro
17 Jun 2025

O sábado 21 de xuño, Ponte de Outeiro, no concello de Castro de Rei, acollerá a I Festa da Xuventude, unha celebración que se realiza na honra a Corpus Christi e que inclúe unha gran comida veciñal. Trátase da recuperación dunha festa histórica que non se celebraba dende hai máis de 35 anos, e que volve con forza.

A xornada festiva comezará ás 13:00 horas coa misa parroquial e continuará ás 14:00 horas coa sesión vermú amenizada polo Grupo Alba. Ás 15:00 horas terá lugar o xantar veciñal, que será servido polo catering Rochela. A tarde continuará con sorteos a partir das 17:00 horas, e unha sobremesa musical a cargo novamente do Grupo Alba a partir das 18:00 horas.

Un dos momentos máis destacados da festa chegará ás 20:00 horas coa degustación de dous xamóns de porco celta de Outeiro, actividade incluída no programa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo Un gusto de rural, un rural de gusto. Esta degustación irá acompañada de empanadas e outros petiscos para ir abrindo apetito antes da cea.

Como colofón, ás 21:30 horas dará comezo a gran verbena cos grupos Alba e Lecer, poñendo o broche final a un día de festa, convivencia e tradición.

A organización destaca o apoio da Xunta de Galicia e a implicación da veciñanza e empresas colaboradoras para facer posible o regreso desta celebración tan querida na parroquia.

⚙ Configurar cookies
0.16638684272766