Pontón afirma que Arroxo será alcalde e "colocará a Lugo no máis alto"

LugoXa
Ana Pontón: “Arroxo será o próximo alcalde e colocará Lugo no máis alto”. Apela a concentrar no BNG todo do voto de progreso,
LUGO MITIN BNG ARROXO PONTON
25 Maio 2023

Apela a concentrar no BNG todo o voto de progreso, optimista e de confianza na cidade e todo o voto da veciñanza que quere frear á dereita.

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin de Lugo acompañando ao candidato á Alcaldía, Rubén Arroxo, a quen presentou como o próximo alcalde de Lugo, convencida de que a cidade vai optar nas urnas por un cambio histórico cun goberno liderado polo BNG tras o 28M.

“Estes catro anos a nosa presenza no goberno municipal foi fundamental para dar un gran salto adiante, para revitalizar a cidade e poñer ás persoas no centro, pero no BNG somos inconformistas e queremos o mellor para Lugo, por iso queremos liderar esta cidade, poñela no máis alto, situala á cabeza de Galiza e impulsala cara o futuro da man de Rubén Arroxo como próximo alcalde de Lugo”, proclamou Pontón.

A portavoz nacional destacou a fortaleza dun BNG que representa a Galiza de futuro, imparable e puxante, fronte a un PP desnortado, esgotado e sen nada que ofrecerlle ao País, “somos un BNG que medra e que vai a máis, fronte a un PP minguante que vai a menos e que representa o pasado”, recalcou.

Pontón advertiu contra un Partido Popular que agora promete “castelos de aire” despois de catorce anos discriminando á cidade, e ironizou coas declaracións de Feijóo de xira electoral pola urbe da muralla criticaba o seu illamento pola falta de comunicacións, “hai que ter valor!”, indicou, destacando que a folla de servizos do PP con Lugo é unha folla en branco na Tinería, en equipamentos, en vivenda pública ou en benestar social.

“Este 28M imos empezar a construír unha Galiza en grande, concello a concello e tendes a miña palabra de que a presidenta que aspiro a ser terá un compromiso total con Lugo, non por favoritismo, senón porque é o xusto”, subliñou. Pontón apelou a sumar no BNG “todo o voto de progreso, de optimismo e de confianza en Lugo, todo o vota da cidadanía que quere frear á dereita e poñer esta cidade no máis alto”.

A líder do Bloque destacou que Arroxo é o alcalde que ten “a enerxía, as ideas e a capacidade” para transformar a cidade da man do modelo municipal de éxito do BNG, para reactivar o campus como motor da ciencia e da innovación, apostando pola sustentabilidade e a economía circular; para potenciar o comercio de proximidade, para relanzar o turismo, para dinamizar os sectores produtivos, para xerar oportunidades para a xente nova e para crear novos equipamentos sociais para a infancia, a mocidade e as persoas maiores.

“En definitiva, Rubén é o alcalde capaz de facer de Lugo unha das mellores cidades de Europa en calidade de vida, cohesión social, e benestar”, destacou. Pontón fixo unha apelación á xente moza, á que animou a coller a papeleta do BNG, “asegúrovos non vos imos defraudar”, concluíu, destacando que Arroxo “é o alcalde que Lugo precisa porque leva a cidade na cabeza e no corazón, ten proxecto, liderado e equipo”.

Pola súa parte, Arroxo sinalou que o BNG traballará a partir do 28M para completar o cambio que Lugo comezou neste mandato. "Hai catro anos todo o mundo falaba de que Lugo estaba paralizado, hoxe iso xa non se escoita, e o que cambiou foi que o BNG entrou no goberno", afirmou.

Lembrou que presenta un programa "realista e ambicioso” centrado en tres puntos fundamentais: poñer a Lugo no mapa e reclamar ao resto de institucións que executen as infraestruturas que levan anos debendo; potenciar as zonas verdes, freando os efectos do cambio climático e mellorando a calidade de vida da veciñanza, e potenciar o patrimonio histórico e natural, "facendo do noso concello un lugar mellor, acolledor e do que toda a cidadanía sinta orgullo", afirmou Arroxo.

Por unha cidade máis sustentable

O candidato destacou o avance de Lugo, con quince novas rúas peonís tanto no centro da cidade como nos distintos barrios, 18.000 metros cadrados de novos espazos peonís en zonas como a Milagrosa, o Sagrado Corazón, Recatelo, Acea de Olga ou a Piringalla. "A partir do domingo seguiremos traballando, para garantir que todas as veciñas e veciños de Lugo conten cun espazo peonil a menos de 5 minutos do seu fogar".

Avanzar na conservación do medio ambiente e reducir os efectos do cambio climático será unha das prioridades. "Garantir o mantemento do parque do Rato e ampliar as zonas verdes serán dous obxectivos prioritarios" anunciou Arroxo, así como o uso das enerxías renovables, a creación de novos espazos peonís e de zonas de paseo con sombra en todo o tecido urbano permitirán que Lugo contribúa a reducir a pegada de carbono ao mesmo tempo que mellora a calidade de vida.

"Temos a muralla máis antiga do mundo que se conserva na súa totalidade, é un monumento que, polo seu contexto histórico, é moito máis importante que a torre Eiffel ou a Estatua da Liberdade", afirmou Arroxo, e destacou que "sería inconcibible ver 15.000 coches diarios rozando as pirámides de Guiza, mais en Lugo facíano coa muralla máis antiga do mundo que se conserva completa", exemplificou como conclusión.

0.21194791793823