Pontón aspira a conseguir por Lugo o primeiro deputado do BNG ao Congreso
Asegura que Daniel Castro vai revolucionar o Congreso poñendo á provincia no centro do debate “para darlle futuro, igualdade e respecto”.
A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou á participación activa no 23X de todo o voto de País, rebelde e inconformista para encher as urnas co voto do BNG e facer historia en Lugo co primeiro deputado do BNG neste provincia, onde está en disputa un escano con PP. “Imos conseguilo, témolo ao alcance da man porque lle estamos disputado un deputado ao PP en Lugo. Imos logralo para darlle futuro, igualdade e respecto a esta provincia”, proclamou.
A líder do BNG arroupou na cidade das Murallas ao cabeza de cartel por Lugo, Daniel Castro, chamado a ser a “voz forte para defender os intereses desta provincia en Madrid”. Un acto no que destacou que o Bloque vai a máis nesta campaña e que basta con que todas as persoas que votaron BNG nas eleccións galegas e agora nas municipais repitan o seu apoio para conseguir un grupo galego forte que conte tamén cun deputado por Lugo e restarlle ao PP escanos que son decisivos para rematar cos agravios a Galiza e frear a involución que supón a alianza de Feijóo e os ultras.
“Lugo ten que cambiar a discriminación do bipartidismo por dignidade e respecto, ten que cambiar o agravio por facerse valer ante Madrid. Ten que deixar de perder para empezar a ganar”, asegurou. Para conseguilo, só hai unha alternativa: un deputado “coas mans libres” que coloque Lugo no mapa e que será a voz forte para defender os intereses da provincia no Congreso.
Pontón animou así á mobilización para rematar coa discriminación que leva soportando a Galiza do interior durante décadas por parte das forzas estatais, “dese vello bipartidismo PP-PSOE que di unha cousa na oposición e fai a contraria cando goberna, que vota unha cousa aquí e a contraria en Madrid”, apuntou.
A líder nacionalista referiuse á visita á cidade das Murallas de Pedro Sánchez e Mariano Rajoy, e tirou de ironía para botarlles en cara que “están en Lugo para facer o que mellor saben facer: vir en campaña electoral, darse un paseo, pedir o voto e deixar un feixe de promesas que nunca compren”.
“É unha falta de respecto, unha burla e unha tomadura de pelo”, considerou ao respecto a portavoz nacional, quen lamentou o prezo que teñen que pagar os homes e mulleres de Lugo pola discriminación que sofre a provincia por parte das forzas estais, unha discriminación que fai que Lugo quede atrás en poboación, “porque a xente moza marcha”; en mobilidade, “porque ten un tren do século pasado e é a única que nin ten conexión directa coa capital de Galiza”, ou en infraestruturas, “con autovías que se eternizan, como a A54, ou a sempre anunciada e nunca empezada autovía da Mariña”. Criticou tamén a falta de servizos públicos sobre todo no interior e o peche de industrias, algunhas estratéxicas como Alcoa.
Chamada aos indecisos: o voto BNG vale dobre
O cabeza de cartel pola provincia, Daniel Castro, centrou a súa mensaxe no decisivo que vai ser o deputado que o BNG se xoga na provincia co PP para a defensa dos seus intereses no Congreso e para frear o avance da dereita e a extrema dereita. Fixo así un especial chamamento a toda a xente que aínda está dubidando os seu voto: “O voto do BNG vale dobre, porque somos os únicos que imos defender á provincia e axudar a que o próximo domingo non teñamos que retroceder o reloxo 40 anos”.
Daniel Castro dirixiuse tamén a xente progresista que lle ten medo á chegada dun goberno de PP e a ultradereita. “ Podémolo parar tamén en Lugo, onde o BNG xógase un deputado PP que é máis radical”, díxolles.
Fixo fincapé, ademais, na necesidade de colocar Lugo no centro da axenda estatal para mellorar as infraestruturas e os servizos e, igual que Pontón, chamou a non desaproveitar a oportunidade de dar a Lugo o primeiro deputado na historia do BNG, “a única forza que veu falar nesta campaña de medidas para toda a provincia, de norte a sur e de este a oeste”, afirmou.